As IX Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián concluirán mañá sábado, 22 de novembro, cunha ruta arqueolóxica que sairá ás 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo. Organizada polo Colectivo Monte Pituco, percorrerá os xacementos rupestres situados nos lugares de Pinal de Caeiro, Cachada do Cura, A Carrasca, Sete Camiños e O Pornedo. Durante o itinerario, de trazado circular e dificultade media, tamén se comentarán aspectos da flora, da fauna e do interese paisaxístico da contorna. Pola presenza de diversos regatos, brañas e nacementos de auga, cómpre que as persoas participantes dispoñan de calzado axeitado para as condicións do terreo.
Esta andaina completa as sesións previas que se celebraron a semana pasada: o venres 14 no Museo Manuel Torres de Marín, cun faladoiro co lema “Crónica dun incendio anunciado” no que interviron Benito Andrade (Asociación pola Defensa da Ría), Claudio Quintillán (Instituto Galego das Terras Comunitarias), Cándido Martínez (Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo) e Noela Carrera Pérez (Centro de Investigación Forestal de Lourizán); e o domingo 16 -coincidindo co Día do Patrimonio Mundial- a homenaxe ao activista social e cultural Xan Montenegro, que presidiu a Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián.
A ruta permitirá apreciar as denuncias formuladas polo Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo tralo lume forestal que afectou a unha ducia de hectáreas no Pornedo, o pasado 7 de xullo: “o exceso de biomasa combustible” nos montes da bisbarra “polo abuso dos monocultivos forestais con especies pirófitas como eucaliptos e piñeiros, ao que se lle suma unha falta xeralizada de silvicultura preventiva e de xestión da biomasa nas redes de faixas, en especial das secundarias e terciarias”, como ten advertido Cándido Martínez.
Esta situación proxéctase especialmente nas pésimas condicións de conservación nas que se atopa o patrimonio arqueolóxico de San Xián, a parroquia marinense con maior densidade e variedade de gravados rupestres: rodeados de especies pirófitas e matogueira densa que compromete a súa conservación en caso de incendio. Precisamente, nese incendio resultaron afectadas a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e a área de protección integral do petroglifo de Sete Camiños.
Outro dos aspectos salientables do roteiro é a visita ao campo de traballo onde o equipo que dirixe Noela Carrera Pérez, xefa do Departamento de Protección Forestal do CIF de Lourizán, está desenvolvendo un proxecto de ensaios de retardo no crecemento da vexetación baixo as liñas eléctricas aéreas combinando a utilización de coberturas ou acolchados biodegradables -a base de mallas biodegradables, restos de poda triturados, achas de castiñeiro e la de ovella- coa plantación de especies rastreiras ou de baixo porte.
Naturgy colabora neste proxecto, que ten como obxectivo reducir a frecuencia de desbroces nos 15.000 quilómetros de liñas de alta e media tensión que hai en Galicia. O monte Pornedo foi un dos dous puntos elixidos no Morrazo, canda outro emprazamento en Bueu, para desenvolver esta iniciativa que se prolongará durante os dous anos que vai durar a fase de seguemento e que, en caso de resultados positivos, non só permitirían reducir a masa vexetal nestas franxas, senón que estas tamén actuarían como cortalumes.
[Fotos: Cándido Martínez, Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]
Tralos dous incendios forestais que afectaron os montes Pornedo e Penizas este pasado mes de xullo era necesario escoitar voces expertas e contrastadas que analizaran a situación do monte, que puxeran o foco sobre as eivas e as debilidades ás que cómpre poñer solucións urxentes… niso consistiron as IX Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que se inauguraron no Museo Manuel Torres de Marín.
O voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez, fixo memoria para contextualizar un negrísimo balance coas 119.000 hectáreas queimadas en Galicia no que levamos de ano, segundo as cifras da Consellería de Medio Rural. Unha dinámica que non só se remonta á vaga de lumes do 2006 que deu lugar á Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, de 2007; senón que tivo continuidade coas seguintes ondadas de 2017 e 2022. A súa intervención centrouse en denunciar a falta de prevención nas redes terciarias de xestión de biomasa, amosando unha extensa reportaxe de imaxes ilustrativas do pésimo estado no que se atopan os camiños e as pistas forestais do monte Pornedo e, por extensión, outras moitas no resto da bisbarra, con abundante presenza de acacia, mimosa moura, eucalipto, matogueira alta…
A súa cámara tamén retratou os danos que causaron as lapas na área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e na área de protección integral do petroglifo de Sete Camiños, na masa forestal e na matogueira, ademais dos movementos de terras realizados con maquinaria pesada durante os labores de extinción.
O director do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán, explicou que o “abandono xeralizado do medio agro-monte” remóntase á ditadura franquista cun modelo forestal baseado nunha repoboación imposta; unha xestión que se foi herdando ata chegarmos á actualidade, tamén dende que a Xunta asumiu as competencias en 1984. “Non houbo ningún cambio sustancial”, criticou Quintillán.
Abundaron os datos na súa intervención: que hai 1.600.000 propietarios de parcelas agrícolas e forestais; 700.000 propietarios de parcelas de montes; 2.800 comunidades de montes, das cales 1.200 están “desaparecidas” por falta de poboación e, das vixentes, non máis de 500 estarían xestionando correctamente o seu territorio. “¿Quen se relaciona dende a Administración coa propiedade? Cal é o apoio da Administración ao propietario de monte veciñal en man común?”, cuestionou o director do INGATECO. “Cero”, engadiu, afirmando que “non hai xestión do territorio” e advertindo que o Goberno galego está “tomando medidas cada vez máis contundentes para que desapareza esa figura”.
Dende o INGATECO estase traballando, precisou Claudio Quintillán, “para que se recoñeza o monte comunal como propiedade comunitaria, como en Portugal”; para que esas 2.200.000 hectáreas de monte -máis das tres cuartas partes do territorio galego- teñan unha “atención especial” fronte á ausencia de xestión no momento actual.
O vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade, aproveitou a súa faceta como docente de bioloxía para elaborar un argumentario con moito peso científico, mais certamente pesimista sobre o futuro. Analizando os efectos dos incendios, non só no Pornedo, senón noutros puntos da xeografía galega con maior afectación dos lumes, referiuse á perda de solo fértil, á destrución das posibilidades de vida, aos efectos colaterais noutros sectores como sucedeu na ría de Pontevedra en 2006, arruinando a campaña de marisqueo ao depositarse as cinzas e os restos da erosión nos areais… E lonxe de que todas estas consecuencias fagan reaccionar a cidadanía, Andrade lamentou que “non hai conciencia social”.
Para o vicepresidente da APDR, o cambio climático supón un “risco dificilmente reversible”, por iso condenou as políticas que o “favorecen”, entre elas, a plantación de eucaliptos. E para que esta non sexa “a crónica dunha catástrofe anunciada”, avisou -parafraseando o lema das xornadas- Benito Andrade fixo un chamamento a reverter esa “desmobilización social” que percibe o cambio climático como algo “imposible de combater”.
[Fotografías de María López e Montse Cabo]
Os ponentes nestas IX Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián abordaron a incidencia dos lumes na parroquia e na bisbarra, ampliaron o foco no ámbito autonómico e no global, para rematar cunha experiencia que, dende o Monte Pornedo, está contribuíndo a xerar coñecementos susceptibles de beneficiar a todo o territorio.
Trátase dun traballo impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán baixo a supervisión da xefa do Departamento de Protección Forestal, Noela Carrera Pérez. Consiste en facer ensaios de retardo no crecemento da vexetación baixo as liñas eléctricas aéreas combinando a utilización de coberturas ou acolchados biodegradables coa plantación de especies rastreiras ou de baixo porte -hedras, romeu…- para protexer o solo con vexetación distinta da matogueira ou do eucalipto que, por norma, non están permitidas nestas franxas. Naturgy colabora neste proxecto, que ten como obxectivo reducir a frecuencia de desbroces nos 15.000 quilómetros de liñas de alta e media tensión que hai en Galicia.
Pero alén do aforro de custes ao que aspira a empresa eléctrica, se esta experiencia depara resultados positivos durante os dous anos que durará a etapa de seguemento, poderíase aplicar en zonas illadas, espazos protexidos e, paralelamente á súa función reducindo a masa vexetal baixo os tendidos aéreos, estes tamén actuarían como cortalumes.
A todos os asistentes sorprendéronnos os materiais cos que traballa o equipo de Noela Carrera: mallas biodegradables de ácido poliláctico para as cubertas, restos de poda triturados procedentes de parques urbanos, achas de castiñeiro e la de ovella. Ogallá a iniciativa que se está desenvolvendo no Pornedo e mais noutra ubicación situada nun monte de Bueu teña un resultado positivo e funcione tamén para combater os incendios forestais.
A falta de que se reprograme a ruta de sendeirismo nunha data na que o tempo sexa máis favorable para gozar mellor do patrimonio arqueolóxico e da paisaxe, estas IX Xornadas de patrimonio de San Xián volveron homenaxear a memoria de Xan Montenegro co encontro no Carballal organizado polas súas amizades. Como indicou Xosé Vilas, do Grupo Cultural Ronsel, Xan era a “solidariedade personificada”, de aí a presenza dunha bandeira palestina ao carón do estandarte nacionalista. Un ano máis, unha lectura literaria e unha ofrenda floral no monumento que reproduce o seu característico sombreiro serviron para testemuñar a lembranza a quen fora presidente da Asociación de veciñas e veciños de San Xián, activista cultural e político, exemplo de liberdade e compromiso.
As causas que derivaron nos lumes forestais do pasado verán nos montes veciñais de Marín –7 de xullo no Pornedo e 27 de xullo en Penizas– e a situación das zonas afectadas catro meses despois centrarán as IX Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que comezarán o venres 14 de novembro cunha charla aberta ao público no Museo Manuel Torres, a partir das 19:00 horas.
O Colectivo Monte Pituco -co apoio da Rede do Patrimonio Cultural- organiza este encontro no que intervirán o vicepresidente da Asociación pola Defensa da Ría, Benito Andrade; a xefa do Departamento de Protección Forestal do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Noela Carrera Pérez; o presidente do Instituto Galego das Terras Comunitarias, Claudio Quintillán; e o voceiro da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, Cándido Martínez. Este último ten denunciado, precisamente, “o exceso de biomasa combustible” nos montes da bisbarra “polo abuso dos monocultivos forestais con especies pirófitas como eucaliptos e piñeiros, ao que se lle suma unha falta xeralizada de silvicultura preventiva e de xestión da biomasa nas redes de faixas, en especial das secundarias e terciarias”.
Os participantes neste coloquio analizarán, no plano local, a situación do monte antes e despois dos lumes, mais tamén -a nivel xeral- as perspectivas de futuro dos incendios en relación ao Plano Forestal, e ata experiencias encamiñadas a minimizar o impacto das lapas. As Xornadas de Patrimonio de San Xián renovan así, un ano máis, o seu compromiso coa defensa e promoción do medio natural e dos bens culturais que atesoura a parroquia: os incendios deste verán non só arrasaron algo máis de dez hectáreas no Pornedo -ou Pituco- e outra hectárea máis en Penizas; tamén afectaron a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo e a área de protección integral dos petróglifos de Sete Camiños.
RUTA E HOMENAXE
Estes xacementos arqueolóxicos poderanse visitar na ruta de sendeirismo que se celebrará ao día seguinte da charla, o sábado 15 con saída ás 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo. A andaina, de dificultade media e itinerario circular, permitirá coñecer as pésimas condicións de conservación nas que se atopan outros valiosos gravados prehistóricos que, en caso de incendio, poderíanse danar de xeito irreversible.
Esta novena edición das Xornadas concluirán, precisamente, o domingo 16 de novembro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio. O derradeiro acto celebrarase no Carballal a partir das 12:00 horas ao carón do monumento dedicado ao activista social e cultural Xan Montenegro, que presidiu a Asociación Veciñal de San Xián. Falecido en xuño de 2011, familiares, amizades e compañeiros de militancia no movemento asociativo reuniranse para honrar a súa memoria e o seu legado a prol da mellora da parroquia, do mantemento das súas tradicións e do coidado do seu patrimonio natural, histórico e etnográfico.
ACTUALIZACIÓN!
Ante o prognóstico de chuvias intensas para o sábado día 15, a andaina prevista inicialmente nesa xornada a partir das 10:00 horas dende a arboreda do Pornedo, posporíase para outra data cun tempo máis favorable.
Mantense a homenaxe a Xan Montenegro, o domingo -coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Mundial- ás 12:00 horas no Carballal, ao carón do monumento na súa memoria.
O mestre Carlos Paratcha vén de recibir un recoñecemento nos Premios Facendo Historia 2025, organizados polo Club de Opinión Portocelo. Na entrega da mención especial a título póstumo participou a súa sobriña Charo Rey Portela, a quen o promotor desta iniciativa, Ángel García Carragal, lle entregou un diploma e unha reprodución en miniatura do Priorato de Oseira elaborada polo taller cerámico Alén das olas. A misión que desempeñamos dende o Colectivo Monte Pituco consistiu en presentar uns apuntamentos sobre a súa vida.
Esta celebración foi unha sorte de xustiza poética porque no Salón de Plenos do Concello de Marín onde se escenificou este acto institucional asistimos antano a moitas sesións nas que, inexplicablemente, o legado cultural que Paratcha contribuíu a descubrir foi ignorado e mesmo desprezado. Quizais Don Carlos -que na súa humildade, fuxía de acaparar calquera protagonismo- lle restaría importancia a esta homenaxe. Para o Colectivo Monte Pituco, en cambio, supuxo un certo resarcimento.
Foi en 2019 cando lle dedicamos as III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián á figura de Carlos Miguel Antonio Paratcha Vázquez que, primeiro na sombra, nos acompañou no longo e tortuoso camiño pola defensa do Monte Pornedo, e logo dun xeito consciente, inspirounos a dar un paso máis espallando a riqueza patrimonial da parroquia de San Xián.
Descubrimos entón, da man do arqueólogo Antonio de la Peña e do promotor cultural José Casal, a un persoeiro cunha vida fascinante que principiou en marzo de 1900 na casa natal da rúa Vicenti, no seo dunha familia con raigame mariñeira.
Pescudamos na súa traxectoria docente para concluír que, tralo seu paso pola Escola Normal de Mestres de Pontevedra a principios da década de 1920, deixou un grato recordo no alumnado que pasou polas súas aulas: en Marín, no colexio masculino católico San Luis de Gonzaga e na Escola do Pósito de Pescadores; na escola de Feás en Calvos de Randín; na escola masculina de Vilar de Infesta en Redondela; na década de 1940 en Moraña, onde permaneceu 22 anos vencellado á escola de Laxe; ata a súa volta a Marín en 1963 para ocupar as aulas do colexio público O Grupo.
Atopamos tamén as referencias bibliográficas que dan conta da súa vinculación ao sindicalismo agrario e o rastro infame da represión franquista a través dun “expediente de depuración” atribuído á súa filiación socialista.
Tocados polo “mal da pedra” do que lle falaba aos estudantes, seguimos as súas pegadas polo monte e reparamos no papel destacado que tivo Paratcha na descuberta de enclaves singulares do patrimonio prehistórico marinense.
Vai para seis anos, cando se ía cumprir o 120º aniversario do seu nacemento, o Colectivo Monte Pituco trasladoulle formalmente ao Concello de Marín a proposta de impulsar un recoñecemento público en memoria de Carlos Paratcha. Porque cómpre darlle o lugar que merece na historia local, tanto pola súa dedicación á formación académica de moitos marinenses, como pola súa achega desinteresada para que Marín conte cun amplo e valioso catálogo de bens arqueolóxicos. E porque cómpre retomar os lazos de irmandade co pobo de Moraña, onde tamén foi artífice de grandes achegas á bagaxe patrimonial desta localidade e onde o seu pasamento, en novembro de 1974, lamentouse como a perda dun ilustre veciño.
Tan ilustre que o compromiso cultural de Carlos Paratcha -que tamén foi directivo do Ateneo Santa Cecilia- foi aplaudido por coetáneos tan importantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro; quen fora secretario do Museo de Pontevedra, Alfredo García Alén; o investigador Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza; os profesores do Instituto Laboral de Marín Antonio Porta de la Encina e Antonio Vicent Aparici; ou o polígrafo Elixio Rivas…
Grazas ao labor de Don Carlos saíron á luz conxuntos rupestres no Pornedo, en Champás, na Carrasca, na Moreira, na canteira da Laxe, nas Sete Espadas, en Mogor ou no bosque de Cadro, ademais doutros vestixios vencellados ao antigo Priorato. Moitos deses descubrimentos foron documentados polo propio Paratcha a través de fotografías, debuxos e descricións manuscritas; algúns destes materiais forman parte do arquivo do Museo de Pontevedra e outros atópanse -ou atopábanse- entre os fondos da Biblioteca Municipal de Marín.
Fotografía tomada por Carlos Paratcha no que puido ser o descubrimento dos petróglifos do Pornedo
Sen dúbida, urxe a catalogación deses materiais, garantir a súa conservación e poñelos á disposición tanto dos expertos como da veciñanza, dando a coñecer a traxectoria vital e intelectual de Paratcha a través dalgunha iniciativa social, cultural ou educativa.
Os achados de Paratcha foron noticia en xornais como La Noche e El Pueblo Gallego, ademais de quedar recollidos en publicacións especializadas como “Arqueología gallega” e “Adiciones a la Carta Arqueológica de la provincia de Pontevedra” editadas polo Museo de Pontevedra, “Gravados rupestres de la provincia de Pontevedra” publicada pola Fundación Barrié, ou “Cuadernos de Estudios Gallegos” do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Pero máis aló do brillo efémero dos titulares ou do eco momentáneo dun aplauso, o que verdadeiramente importa da transcendencia de Carlos Paratcha é que 125 anos despois de inscribir o seu nome na historia, haxa quen sigamos invocando ese bendito “mal da pedra” para camiñar xuntos na procura dun pasado que, segundo el, achegaba “leccións altamente proveitosas” para diversos campos do coñecemento.
Por tanto, volvemos reiterar que se recoñeza ese labor seu tan “desinteresado e fecundo que” – en palabras de Antonio de la Peña- “logrou descubrir e dar a coñecer a maior parte das estacións rupestres que hoxe fan de Marín un territorio clave neste fenómeno”.
Ademais de felicitar a Charo Rey Paratcha por esta merecida lembranza ao seu tío, tamén nos sumamos aos parabéns ás premiadas nesta edición, a profesora e deportista Raquel Carragal Dacosta e a doutora especialista en oncoloxía María del Rosario García Campelo.
Entre as feridas que deixou o fogo no Pornedo, o pasado 7 de xullo, descubro con asombro os restos do niño dunha vespa no que a propia inquilina quedou carbonizada polas lapas… E xa camiño de dous meses tralo incendio, os fentos e a vexetación de matogueira comezan a reverdecer sobre a negrura da paisaxe, onde os piñeiros foron deitando as súas acículas a modo de manto acastañado.
Na senda dos castiñeiros atopamos unha chamativa fronteira natural entre o que ardeu -alimentado pola abundancia de especies pirófitas- e o que sobreviviu, cos ourizos atesourando os froitos dun magosto magoado pola cinza. Esa cinza que aínda se apega aos pulmóns, encollendo o corazón só de imaxinar a magnitude que tería acadado esta traxedia se ocorrese en plena vaga de lumes deste inesquecible mes de agosto, a máis devastadora na historia do país…
Conxunto rupestre do Pornedo, grupo I
Petróglifos de Sete Camiños
Conxunto rupestre do Pornedo, grupo II
Porque con todo, os xacementos rupestres do Pornedo e Sete Camiños seguen enteiros, agardando por unha urxentísima intervención de limpeza e posta en valor. Concello de Marín, u-lo Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico? Comunidade de Montes de San Xián, u-lo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños?
E mentres, que chova…
“Por fin nos chega a calma, pinga a pinga”
(‘Esperando o amencer’, de Fabiola Anchorena. Kalandraka, 2022)
O mesmo día no que vemos na prensa local a repercusión da concentración organizada pola Plataforma Por un monte galego con futuro -representada en Pontevedra pola Asociación Pola Defensa da Ría– contra esta terrible vaga de lumes forestais, lemos tamén que o Goberno local de Marín está contactando coas comunidades de montes “co obxectivo de coordinar esforzos, actualizar medios a disposición cos que se pode contar de cara á extinción de incendios e para facer balance do traballo de prevención que se vén realizando no último ano”, informa a web municipal. Isto, despois de que a Xunta convocara os alcaldes e alcaldesas a unha reunión virtual xusto cando Galicia arde polos catro costados, batindo todas as marcas históricas pola extensión da superficie queimada e polas perdas incalculables no patrimonio natural, cultural e no medio de vida de milleiros de familias afectadas polas lapas.
O monte Pornedo, ou Pituco, ardeu o pasado 7 de xullo; vinte días despois, tamén o monte da Moreira e Penizas. O 1 de agosto mantivemos unha xuntanza coa alcaldesa María Ramallo e co concelleiro de Urbanismo Manuel Santos para compartirlles un balance -documentado graficamente- da pegada do lume no ‘balcón da ría’ e nos xacementos arqueolóxicos do Pornedo e de Sete Camiños. Naquel encontro reclamouse que o Concello de Marín asumira as súas responsabilidades activando o “Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios”, integrado no “Plan de emerxencias municipais”. Tamén se pediu información sobre a situación na que está o “Plan de protección do patrimonio” aprobado en 2017, do que agardamos recibir información sobre as medidas concretas que contempla, a súa dotación orzamentaria e o seguemento que se estea facendo sobre as accións e os prazos fixados para a súa aplicación.
Todo isto, lamentablemente, son preguntas, desexos, inquedanzas que quedan no aire e tempo perdido nun efémero ‘desafogo’ con quen se supón que ten a obriga de activar todos os mecanismos posibles en canto unha mínima faísca prende no recuncho máis recóndito do territorio marinense. Pero todo é retórica: dende recibir -coa maior cortesía, iso si- a quen expón a anguria que supón ver unhas inmensas laparadas á porta da casa en plena madrugada e prometerlle información, ata comunicarse cos presidentes das comunidades de montes a 21 de agosto porque “arde Galicia co lume forestal”, como dirían os Diplomáticos pero, desta volta, si queima.
“Coordinar esforzos?”. En San Xián, mentres os medios aéreos carrexaban auga para sufocar o incendio na Moreira, na Comunidade de Montes estábase celebrando unha asemblea xeral na que non se dixo ren sobre a ducia de hectáreas calcinadas no Pituco.
“Medios dispoñibles de cara á extinción de incendios?”. Mentres a única estratexia do Concello e da Xunta sexa apagar, estamos perdidos porque, como se está vendo no actual contexto climático, co abandono do medio rural -tamén a nivel local- e diante dunha ausencia total de xestión previa por parte da Administración, hai lumes incombatibles. Urxe un cambio de modelo, a todos os niveis.
“Balance do traballo de prevención no último ano?”. U-la prevención neste 2025, xa na recta final do verán? Coa Policía Local petando nas portas a un mes do outono, a prevención chega tarde.
Diario de Pontevedra, 22 de agosto de 2025
Web municipal, 21 de agosto de 2025
En definitiva, a “situación dos montes” é “chunga”. E “coordinarse para previr incendios” a estas alturas, ídem.
“A presentación de candidaturas deberá facerse como mínimo en dez días naturais de antelación á data prevista para a elección ante a Xunta da Comunidade vixente nese momento, que certificará tal representación”.
Este é un dos apartados do artigo 54 dos estatutos -anacrónicos, pero estatutos a fin de contas- que rexen o funcionamento da Comunidade de Montes en Man Común de San Xián de Marín. E si, cumpríronse dez díaz dende a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria do pasado 27 de xullo ata este 6 de agosto, data na que rematou o prazo de presentación de aspirantes a gobernar a Comunidade. Pero dende o 6 ata o 9 de agosto, cando está previsto celebrar as votacións, van só tres.
En resume, a elección na que a actual directiva pretende recuncar cambiando o actual presidente, Manuel Estévez, por José Manuel Iglesias, que tamén está á fronte da Asociación de Veciños da Moreira, sería ilegal.
Como tamén sería ilegal a ausencia de votación dese calendario electoral na asemblea, onde únicamente se anunciou o proceso para mudar a directiva:
“A data para a realización da elección da Xunta da Comunidade deberá ser acordada en Asemblea Xeral a proposta da Xunta da Comunidade cesante e por maioría do 50% dos comuneiros en primeira convocatoria, e do 25% en segunda”.
Como tamén sería ilegal a propia asemblea na que se tomaron decisións que contraveñen os estatutos, como recolle o artigo 70:
“Os acordos da Asemblea Xeral contrarios á Lei de Montes Veciñais en Man Común, os que infrinxan as presentes ordenanzas e os non adecuados aos intereses xerais da propia Comunidade, poderán ser recurridos por calquera comuneiro ante a propia Asemblea Xeral…”.
Por tanto, coa posibilidade da impugnación nun horizonte próximo, pode que acudir á votación deste sábado 9 de agosto sexa unha rotunda perda de tempo. É o que ten que esta Comunidade de (des)Montes estea en mans chafalleiras que fan o que lles peta, como lles peta e cando lles peta, cun desprezo absoluto ao regulamento e cun descarado afán de cimentar o seu réxime autocrático anticipando unhas eleccións nas que calquera rival carece de opcións ante as trabas impostas de forma premeditada para configurar unha “campaña previa” como se cita nos estatutos.
Fronte á mala educación e ao machismo, fronte á incompetencia e á opacidade, fronte á censura e á imposición… aire fresco, diálogo e respecto!
O verquido localizado na pista de acceso ao monte Pornedo foi retirado ao pouco tempo
Como será de pobre o nivel da Comunidade de (des)Montes, que cando acontece algo relacionado co Pornedo, a Policía Local de Marín non contacta cos directivos. Sexa por cercanía co monte ou porque saben que ‘beben’ de boa fonte, os axentes veñen informarse a ‘villa Pituca’.
Sucedeu así o pasado domingo, a poucas horas de que se celebrara a asemblea de comuneir@s máis esperpéntica dos últimos anos. Soubemos por un axente que estaban investigando a procedencia dun verquido ilegal que se producira nas inmediacións da pista de acceso ao monte. O que atopamos cando puidemos achegarnos ata a zona foi un montón de colchóns con excrementos, maletas baleiras, roupa vella e outros enseres cheos de suciedade, como restos de ter desaloxado un faiado. A Policía Local confirmounos pouco despois que os autores deste vertedoiro noxento e nauseabundo estaban localizados, que se lles impoñería unha sanción e que se non retiraban o lixo nas vindeiras horas, o propio Concello se encargaría da limpeza e lles cobraría o importe do operativo.
O máis lamentable desta situación é que quen cometeu esta porcallada é xente veciña de San Xián. Moito hai que desprezar a propia parroquia para depositar nela semellante volume de suciedade en vez de darlle o tratamento correcto, ben contactando co servizo municipal de recollida de enseres vellos ou acudindo a un punto limpo. Velaquí un motivo contundente para perder ipso facto a condición de comuneir@.
A capacidade de xestión, o nivel de competencia e a credibilidade da directiva da Comunidade de (des)Montes de San Xián de Marín segue caendo en picado.
O presidente, na asamblea xeral deste pasado domingo 27 de xullo:
“La acacia hay que erradicarla del monte totalmente. Están quitando esta semana los árboles que cayeron sobre el río por el temporal”
A realidade, o comunicado do Colectivo Ecoloxista Luita Verde:
O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou este pasado sábado 26 de xulloescrito de denuncia a rexistro dirixido á Alcaldía do Concello de Marín solicitando a comprobación dos feitos e a apertura por parte do Concello de Marín do procedemento de execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas por importe de 1.000 euros a 10.000 euros, reiterables trimestralmente segundo o disposto nos artigos 135.4 e 136.4 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia (LSG) e 336.1 do Regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia (RLSG), á Comunidade de Montes Veciñais de San Xulián como responsable dos restos de ramas de tala que invaden o cauce e a parcela do río de Castiñeiras.
Baseouse en que despois do escrito de denuncia presentado a rexistro por este colectivo ecoloxista o 7 de marzo de 2025, o Concelleiro Delegado de Urbanismo e Facenda por delegación da Alcaldía-Presidencia, segundo o disposto no informe do técnico municipal de data 7 de maio de 2025, ditou no día 2 de xuño de 2025 a Resolución 02141 de Orde de execución á Comunidade de Montes Veciñais de San Xulián, como responsable dos restos de ramas de tala que invaden o cauce e a parcela do río de Castiñeiras, da “adopción das medidas correctoras no prazo de trinta días hábiles, consistentes na retirada dos restos de tala do río e da parcela e reparación da ponte do río no sendeiro paralelo ao mesmo.” Considerando o disposto no artigo 136 da Lei 2/2016 do Solo de Galicia (LSG) e os artigos 333, 334, 335 e 336 do do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia (RLSG).
E que transcorrido o prazo de trinta días hábiles do ditado nesa Resolución 02141, a Comunidade de Montes Veciñais de San Xulián non procedeu ao cumprimento da mesma.
[Fotos de Luita Verde, 19 de xullo de 2025]
Luita Verde lembroulle ao Concello de Marín que as parcelas afectadas son dúas, a 706 e a 710 a nome da Fenteira dentro do polígono 12 segundo a cartografía catastral, en solo rústico de especial protección de espazos naturais e de ribeiras, canles e augas segundo o PXOM e por un tramo de máis de un kilómetro río abaixo dende a proximidade da lagoa de Castiñeiras ata o paso da Liña de Alta Tensión Lourizán-Cangas, nas Chans.
Na actualidade, despois máis de catro meses, a situación ambiental empiorou polo crecemento de vexetación ao redor dos restos das talas e da ramaxe depositada sen control na ribeira e o propio cauce do río de Castiñeiras, a maioría dela pirófita e invasora (Eucaliptus globulus e Acacia melanoxylon) ao que se lle engade que a contorna e en pendiente estase a cubrir cos rebrotes de tocón do eucaliptal talado a matarrasa pola Comunidade de Montes nas dúas parcelas na súa propiedade.
Luita Verde solicitou así mesmo ao Concello de Marín a recuperación paisaxística e ambiental da contorna de ribeira do dito río coa eliminación progresiva, sen utilización de biocidas, das especies invasoras e pirófitas existentes, favorecendo o posterior asentamento e implantación natural de especies arbóreas autóctonas riparias así mesmo briófitas, pteridófitas e outras especies de fauna e flora silvestre de ámbito ribeireño, lacustre e acuático, tendo en conta que estamos ante as características e o potencial dun hábitat natural prioritario segundo a Directiva Hábitats (Directiva 92/43/CEE), pertencente ao hábitat 91E0 Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior.
Achegamos as fotografías correspondentes realizadas recientemente o pasado 19 de xullo de 2025, onde se observa os restos sen retirar das talas e as árbores e pólas caídas na ribeira e no leito do propio río como así mesmo os dunha ponte de madeira destrozada correspondente ao sendeiro municipal de pequeno percorrido do río de Castiñeiras que a súa vez está praticamente inutilizado ao formar parte da ribeira e transcorrer como vial de servizo de servidume paralelo ao curso do río afectado.
[Fotos de Luita Verde, 19 de xullo de 2025]
Por outra banda, Luita Verde lamenta o dano provocado polos incendios forestais no Monte do Pornedo, do 7 de xullo, e entre A Moreira e o Monte Penizas, do 27 de xullo, no Concello de Marín, mais salienta que unha grande parte das parcelas afectadas por estes incendios forestais están en propiedade precisamente desta Comunidade de Montes Veciñais de San Xulián, que destaca por telo seu monte inzado de monocultivos con especies pirófitas (eucaliptos e piñeiros), cunha inadecuada ou nalgúns casos inexistente silvicultura preventiva e que incumpre a xestión da biomasa nas redes de faixas que lle compete por non falar da falta de protección do patrimonio cultural, do que lembramos que esta comunidade de montes veciñais é a mesma propietaria da parcela onde durante anos permitiu a presenza dunha entulleira sobre o Ben de Interese Cultural do petróglifo da Moreira, denunciado por este colectivo ecoloxista en marzo do 2019, que posteriormente tivo a comunidade de montes que restaurar e que onte parece que, afortunadamente, non foi afectado directamente polo incendio forestal.
Luita Verde denosta este modelo mercantilista e forestalista da xestión do monte e avoga por unha xestión máis sustentable baseada nunha ordenación que priorice a preservación da biodiversidade con especies frondosas autóctonas nas plantacións forestais e a multifuncionalidade dos recursos naturais, máis a protección e conservación dos ecosistemas naturais e do patrimonio cultural e arqueolóxico, que é o que non está a suceder nunha maioría do monte comunal veciñal de San Xián mais tendo en conta que a maioría da súa propiedade está integrada dentro de solo rústico de especial protección, sexa dos espazos naturais, forestal, de augas ou patrimonial, e do que nin se salva a súa xestión con respecto á parcela que ten en propiedade na contorna da lagoa de Castiñeiras, despois das polémicas e agresivas campañas de talas de arborado realizadas no seu seo nos últimos anos.
[Fotos do Colectivo Monte Pituco, 29 de xullo de 2025]
Incendio na Moreira e Penizas, 20 días despois de que o lume queimara o Monte Pornedo
Por onde empezar? Que palabras empregar para definir con precisión o que aconteceu na asemblea da Comunidade de (des)Montes, a máis patética, pésima e incalificable da historia recente desta malpocada entidade en mans de xente tan sumamente maleducada, machista e ditadora?
Pois cómpre empezar polo máis importante: expresar respecto e solidariedade coa veciñanza da Moreira e da contorna do monte Penizas tralo incendio forestal que se produciu esta tarde e que, como hai xusto 20 días atrás no monte Pornedo, mobilizou un importante dispositivo de medios terrestres e aéreos. Respecto e solidariedade que non demostraron ter os directivos da Comunidade cando, ante unha emerxencia dese calibre, co lume ao carón das vivendas, manteñen a celebración dunha asamblea xeral “para que a xente non perda o día”, xa que estaban avisados, como afirmaba un deles minutos antes da primeira convocatoria.
Ausencia de respecto e solidariedade porque, por máis que teñan acudido ao lugar para interesarse pola situación, como lles corresponde polo seu cargo, o máis responsable pola súa parte é permanecer ao pé do monte e acompañar a veciñanza, máis preocupada pola evolución do lume que por xustificar a súa asistencia a unha xuntanza obrigatoria se non queren sumar unha falta que comprometa a súa pertenza á Comunidade. Ou van dicir agora que as comuneiras e comuneiros da Moreira e arredores estaban exentos de comparecer por mor desta fatal incidencia?
Que respecto e solidariedade se pode arrogar alguén que, mentres se aferra ao micrófono para impedir que unha muller discrepe ou, aínda moito peor, lle negue o dereito á réplica a outra muller directamente aludida no seu fanático discurso, ten os avións e as avionetas do servizo de extinción de incendios zoando por riba da Casa de Montes?
A seguridade das vivendas e dos seus habitantes, nos que non houbo que lamentar ningún dano; xunto coa perda do patrimonio natural afectado polas lapas e -quizais tamén, a falta de facer as comprobacións oportunas sobre o terreo cando se dean as condicións para acceder a Penizas con seguridade- do patrimonio arqueolóxico catalogado nesa zona, son o primeiro na orde de prioridades.
Entre o secundario podemos falar da nefasta xestión económica nunha Comunidade de Montes onde -a saber a suposta veracidade dos datos- no exercicio pasado se ingresaron 177.000 euros e se gastaron case 150.000 euros, dos cales máis de 70.000 destináronse ao acondicionamento dunhas vivendas no Lago de Castiñeiras que só reportaron a irrisoria cifra de 5.100 euros en alugueres.
Tamén é secundario un ridículo e impresentable balance de xestión no que sobran os dedos das mans para contar as actuacións realizadas en todo un ano, algunhas das cales, por riba, contaron coa financiación do Concello de Marín e da empresa Ence, condenada por delicto ambiental continuado nunha histórica sentenza de 2002.
Mesmo podería considerarse secundario que unha comuneira teña serias dificultades para facerse oír ao reclamar que as asociacións da parroquia poidan facer uso do salón principal da Casa de Montes, sobre todo cando o presidente da Comunidade argumenta que está prohibido usalo para outra cousa que non sexan reunións -aínda que sexan de xente allea á parroquia- porque as normas póñenas eles e, se non che gustan, “fai unha candidatura e preséntate. Seguinte pregunta!”.
Ata podería ser secundario que a un recoñecido profesional que critica a polémica tala de arborado en Castiñeiras se lle cuestionen os seus coñecementos, a súa titulación académica e se lle dean unhas explicacións infumables porque “no se trata de quien la tiene más grande y más gorda”, dixo literalmente outro dos directivos, evidenciando o nivel noxento, groseiro, basto e faltón de semellante vómito mental.
Podería pasar por secundaria a ‘chiripitifláutica’ idea do presidente da Comunidade de (des)Montes de substituír por “rododendros e camelios” as tuias taladas.
Pero o que de ningunha maneira se pode tolerar como secundario é a censura a quen pide a palabra por alusións directas; o machismo recalcitrante de quen lle nega a palabra a unha muller porque “non é comuneira” a pesar de que un home comuneiro lla cede; ou os xestos de desprezo botándoa fóra do local con arrogancia e altivez, entre outras faltas de respecto das que hai constancia para evitar que esta camarilla manipule e terxiverse o que alí aconteceu ao remate da asamblea.
Ver e oír para crer, en pleno século XXI. Moito cheiro a naftalina e moito ‘cuñao’ marcando ‘paquete’, que para iso lles importa tanto comparar os seus atributos.
Logo, quen está aquí en condicións de espetar a frase “no tienes vergüenza”? Vergoña a que debería ter este fato de ‘señoros’ polo seu ínfimo nivel intelectual e argumental.
O 6 DE AGOSTO REMATA O PRAZO PARA PRESENTAR CANDIDATURAS Á DIRECTIVA DA COMUNIDADE DE MONTES DE SAN XIÁN E O 9 DE AGOSTO CELEBRARANSE AS ELECCIÓNS ÁS 20:00 HORAS.
Que alguén, por favor, teña a valentía e a determinación de formar un equipo para devolverlle a esta parroquia a dignidade, a competencia, a xustiza e a liberdade que a actual directiva trocou en represalia, ineptitude, arbitrariedade e imposición.
Traballos de desbroce na arboreda do Monte Pituco (Pornedo) realizados o sábado 19 de xullo de 2025
Tivo que pasar un mes dende o comezo do verán para que a Comunidade de (des)Montes de San Xián se dignase a desbrozar a área recreativa do Pornedo, situada a carón da estrada provincial. Pero esta medida tan tardía non se debeu a ningún inocente despiste, nin a hipotéticas dificultades para contratar a profesionais que se dedican a este sector e que teñen as axendas cubertas a meses vista… Se pola Comunidade de (des)Montes fose, nesta arboreda seguiría medrando a vexetación ad infinitum e a herba acabaría por engulir as mesas e os bancos de pedra, e as fontes que non funcionan endexamais volverían a funcionar e todo se convertiría nun inmenso e inespugnable silveiral porque así o teñen decidido as mentes obtusas que (des)gobernan esta entidade coa mala fe de consumar a degradación programada e progresiva do Monte Pornedo e da súa contorna.
O lume que o pasado 7 de xullo feriu gravemente o ‘balcón da ría’ e afectou tamén de xeito importante os seus xacementos arqueolóxicos foi o que fixo mudar a posición de desleixo e indiferenza da Xunta rectora que, a golpe de sábado 19, dispuxo a limpeza deste espazo cun tractor de cadeas. Curiosamente, a prensa local e as redes sociais comezaban tamén a difundir o comunicado no que, 24 horas antes, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e o Colectivo Monte Pituco criticabamos o incumprimento da lexislación en materia de prevención de incendios e esixiamos medidas urxentes para evitar males maiores no que queda de tempada estival. Semella que, de súpeto, á Comunidade de (des)Montes entroulle a présa.
É unha mágoa que, ademais de actuar ao rebufo dunha emerxencia tan seria como un incendio forestal, este aviso non servira para que os mandamáis da Comunidade aparquen o autoritarismo, a soberbia e o desprezo co que (mal)tratan esta parte tan significativa do monte veciñal. Cos cartos que regalan a mans cheas a entidades parroquiais para contentar/comprar a veciñanza tiñan máis que de sobra para acometer algunha das propostas de mellora para o Monte Pituco que se lle trasladaron en xullo de 2016. Lonxe de aproveitar esa man tendida como xesto de confianza, o tempo demostrou que calquera Xunta rectora pasada -túzaros incluídos- foi mesmo mellor.
Trala recente limpeza desta área recreativa comprobamos que, por fin, as familias e os grupos de amigos volven frecuentar este espazo para gozar dun xantar, dunha merenda, dun petisco ou dunha xuntanza á sombra das catalpas e dos castiñeiros. A ver se de aquí ao remate do verán a alguén na Comunidade de (des)Montes se lle ilumina a bombilla para rematar a faena e, de paso que rozaron as herbas, tamén encargan a retirada das pólas rotas ou caídas polos temporais deste ano, e do anterior, e do outro… #VaiSerQueNon
Estado que presentaba a arboreda do Monte Pituco (Pornedo) ata o venres 18 de xulloA altura da vexetación impedía desprazarse con seguridade pola arboreda, impedindo distinguir as irregularidades do terreo
A nula eficacia do Plan de Protección do Patrimonio aprobado polo Concello de Marín provocou que ardera a área de protección integral dos petróglifos de Sete Camiños e a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo
As lapas estragaron solo rústico de especial protección de espazos naturais, con hábitats de interese comunitario de queirogal seco europeo e rochedal silíceo con vexetación pioneira, e plantacións de piñeiro, abeto de Douglas, castiñeiro e carballo americano
A nula eficacia do Plan de Protección do Patrimonio aprobado polo Concello de Marín provocou que ardera a área de protección integral dos petróglifos de Sete Camiños e a área de protección de cautela do conxunto rupestre do Pornedo
Máis dunha semana despois do incendio forestal que se iniciou no monte veciñal de Lourizán, pertencente ao concello de Pontevedra, e que impactou de xeito importante no monte limítrofe de San Xián, en Marín, concretamente unha parte do Monte Pornedo (ou Pituco), o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esixen que se tomen medidas urxentes para cumprir a Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural, a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia e o PXOM de Marín.
Dende as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en setembro de 2017 e xaneiro de 2018 que anularon os proxectos do Concello de Marín e da Xunta para instalar un polígono industrial no Pornedo, este territorio vén padecendo un progresivo e deliberado proceso de degradación por parte da Comunidade de Montes de San Xián, como xa advertira a asesoría xurídica do Colectivo Monte Pituco tralas súas vitorias legais: a reforestación en réxime de monocultivo con piñeiro, unha especie que favorece a propagación do lume; a execución de infraestruturas pese á oposición veciñal; a ausencia de silvicultura en condicións e en zonas sensibles, como a cercanía de eucaliptais abandonados nos matos privados; a falta real de protección e mantemento perimetral dos xacementos arqueolóxicos catalogados; e mesmo o boicot ás actividades divulgativas que organiza o Colectivo Monte Pituco.
Segundo as estimacións da Consellería de Medio Rural, unhas dez hectáreas de terreo arborado e matogueira resultaron afectadas polo lume, que requeriu ata tres días de intenso traballo por parte dos efectivos para dalo por extinguido. Tal e como puideron comprobar integrantes do Colectivo Monte Pituco e da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo nunha visita ao lugar, hai que lamentar a afección directa dos ecosistemas naturais e plantacións forestais, xunto coa súa biodiversidade, parte da cal quedou exánime tralo paso dos lumes. No contexto global de emerxencia climática, tamén son relevantes os procesos erosivos que os incendios conlevan para o solo, o subsolo, os acuíferos e a contaminación atmosférica.
DANOS AOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS
Con todo, o complexo rupestre do Pornedo -con gravados prehistóricos consistentes en círculos concéntricos con coviñas e varios trazos de armas- non resultou directamente tocado polas lapas, que quedaron a uns poucos metros de distancia. Neste caso, os danos sitúanse na súa área de protección de cautela. En canto aos petróglifos de Sete Camiños, a súa área de protección integral está moi afectada, aínda que a laxe que contén os gravados -zoomorfos e círculo con coviña- non chegou a sufrir de cheo o paso do lume.
Ao estrago provocado polo incendio na contorna engádese o producido no chan forestal e nos camiños pola utilización de maquinaria pesada con pala excavadora durante os labores de extinción e que, en maior ou menor medida, teríanse evitado se houbera un mantemento e un control previos da biomasa.
Amais, cómpre lembrar a proximidade da zona incendiada a varios núcleos de poboación -O Regueiriño, O Marco, Arealonga, A Pena, O Caeiro, O Casal, Os Bravos- nos que abunda a vexetación pirófita -eucaliptos e piñeiros, principalmente- que, nunha tarde e noite con altas temperaturas e fortes ventos, puideron verse expostas a situacións de grave perigo pola expansión de muxicas; un extremo ao que, por fortuna, non se chegou grazas á intervención das brigadas contra incendios que, neste inicio do verán, contaron con recursos suficientes debido a que non se rexistraron lumes de maior calibre no distrito a nivel provincial.
Sobre a orixe das lapas e a presenza de varios focos, as fontes do servizo de extinción consultadas non descartan o factor accidental pola incidencia dos tendidos eléctricos aéreos e as torres de alta tensión, unido á adversidade das condicións atmosféricas. Á parte de xerar un impacto severo no territorio e na paisaxe, e de ser susceptibles de causar incendios agravados pola falta de supervisión da vexetación que medra aos pés destas estruturas, o incendio no Monte Pornedo deixou sen electrificación a centos de veciñas e veciños nas súas vivendas da parroquia de San Xián.
Ante a gravidade dos feitos e o pésimo estado de conservación no que se atopaban os xacementos do Pornedo e Sete Camiños -que contan coa máxima cualificación de protección como Ben de Interese Cultural de Galicia-, o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo critican que este patrimonio rupestre pertencente ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños estea abandonado pola Comunidade de Montes de San Xián, que permite a acumulación de vexetación pirófita, como mato alto, piñeiral e eucaliptal sen control; un vergoñento panorama que se estende á maioría dos xacementos arqueolóxicos situados no monte veciñal desta parroquia.
O Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo destacan que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece que as zonas arqueolóxicas deben contar cunha contorna de protección, que os propietarios dos terreos están obrigados “a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración”, e que as Administracións públicas -a Xunta, tamén en colaboración co Estado, comunidades autónomas, organismos internacionais e Goberno local- deben garantir a protección e a seguridade do patrimonio cultural. No caso do Concello, a lexislación tamén determina que o planeamento urbanístico estableza medidas que garantan “a protección dos valores culturais dos bens inmobles incluídos no seu catálogo”. Porén, “as accións e omisións que supoñan o incumprimento das obrigas establecidas nesta lei” son motivo de infracción administrativa.
PLAN DE PROTECCIÓN DO PATRIMONIO E REXENERACIÓN AMBIENTAL
Precisamente, e para que esta circunstancia non se repita neste verán que está superando as marcas en seca e en exceso de biomasa combustible, o Colectivo Monte Pituco vén de solicitarlle unha reunión á Alcaldía do Concello de Marín para reclamar a aplicación do Plan de Protección do Patrimonio aprobado en 2017; un plan que, para esta entidade, naceu eivado por carecer de planificación, orzamento e participación dos axentes sociais e culturais dedicados á defensa e á promoción destes bens.
Por outra parte, o Colectivo Monte Pituco insta ao Concello a avaliar o funcionamento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais que a lexislación obriga a integrar no Plan de Emerxencias Municipais, ademais de emprazar á Comunidade de Montes de San Xián a que se responsabilice do mantemento da súa zona de influencia forestal “en condicións que contribúan a previr ou evitar” que se produzan ou propaguen os lumes, “especialmente as relativas á xestión da biomasa vexetal e das redes de faixas”, como estipula a Lei de Prevención contra os Incendios; tamén a controlar a biomasa perimetral dentro da área de protección dos xacementos arqueolóxicos, en aplicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, sempre de forma respectuosa e contando coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura.
Por último, o Colectivo Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembran que a lexislación autonómica contempla medidas para o mantemento e a restauración dos terreos incendiados. Tratándose dun espazo cunha forte pendente -por tanto, sensible á erosión- e onde se localiza o nacemento de varios acuíferos que abastecen os núcleos de poboación próximos de auga para consumo doméstico e de regadío, e que nutren a conca de nacemento dos regos das Presas e de Pornedo, ambas as entidades solicitan que se derive á Xunta unha petición para incluír a zona afectada nas actuacións previstas para a conservación e rexeneración dos ecosistemas naturais, dos recursos forestais, hídricos e do solo.
Requiren tamén a substitución dos monocultivos con especies pirófitas en beneficio doutra liña de xestión que aposte pola biodiversidade con especies frondosas e autóctonas, tanto terrestres como de ribeira. Igualmente, demandan o mantemento do monte baixo mediante o fomento da silvicultura e das actividades silvopastorís tradicionais.
Estado actual do Monte Pornedo (Pituco) tralo incendio
Foron días de anguria dende que o lume prendeu no Pornedo nun serán de moito vento e altas temperaturas, complicando o labor dos operarios de extinción, non só os que actuaron cos medios aéreos, senón tamén os que loitaron contra as lapas en canto caeu a noite. Foron días de incertidume, alcanzando a imaxinar o impacto das chamas sobre o terreo e asimilando a posible perda do patrimonio arqueolóxico, alén do obvio dano ao medio natural.
Durante tres días os bombeiros forestais traballaron arreo no monte para controlar e extinguir por completo un incendio que calcinou entre dez e doce hectáreas. Precisamente, na tarde previa a dar por concluída a súa misión, puidemos conversar cun deles, que nos deu novas tranquilizadoras sobre o estado do conxunto rupestre do Pornedo, asegurando que non estaba afectado.
Puidemos confirmar as súas palabras este xoves, cando o acceso ao monte quedou restablecido con seguridade e sen entorpecer as tarefas dos profesionais.
O miradoiro está intacto pero, a uns cantos centos de metros cara atrás, baixo a liña de alta tensión, en terreos de Lourizán, xa se distingue o rastro ennegrecido do lume. Avanzamos cara aos petróglifos do Pornedo, que se salvaron das lapas a pesar do seu lamentable estado de conservación: o toxo e os fentos rodean as dúas laxes e os piñeiros medran ao seu arredor; unha biomasa que cómpre desbrozar coa maior urxencia para reducir o risco de que futuros (e indesexables) incendios poidan arrasalas. A Lei de patrimonio cultural de Galicia e a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia dispoñen as medidas que tanto os propietarios dos terreos -a Comunidade de montes de San Xián- e as Administracións públicas deben cumprir.
O val dende o alto do Pornedo ata Sete Camiños foi o espazo peor parado, onde o incendio levou por diante a matogueira e os piñeiros que poboaban a zona. Por fortuna -ou mesmo, se cabe, por milagre- a laxe que contén os gravados zoomorfos de Sete Camiños quedou intacta, a pesar de que as lapas rodeárona e reduciron a cinsa a vexetación circundante.
A afección na parte inferior á pista forestal foi puntual grazas á rápida intervención das brigadas que, a base de gabias trazadas como cortalumes, evitaron que ardera a plantación de piñeiro realizada pola Comunidade de montes logo da tala a matarrasa en xullo de 2019.
“É o noso traballo”, respondeu aquel bombeiro forestal que tan alentadoras palabras nos dera cando lle agradecemos o seu esforzo. Mais o mellor incendio é aquel que non se produce, polo que toca esixir responsabilidades e accións preventivas. Isto non vai quedar así!
Madrugada. Fume. Muxicas. Resplandor de luces de emerxencia que suben e baixan por pistas forestais e por estradas. O son lonxano dos motores e das manobras dos vehículos mecanizados, das voces dos traballadores das brigadas de extinción de incendios, das conexións por radiofrecuencia…
Escribo dende a desolación extrema; dende a xenreira pola man criminal que provocou que o ‘balcón da ría’, con todo o seu patrimonio natural e arqueolóxico, quedara reducido a cinza, negrura e ruína neste fatídico 7 de xullo. Escribo dende o pesar infinito polo que facía presaxiar esta crónica dun lume anunciado ante a desidia da Comunidade de (des)Montes de San Xián polo abandono e a degradación premeditada dun espazo ‘maldito’ dende que frustramos pola vía xudicial os plans para convertelo nun polígono industrial; ante o desprezo e a burla descarada do Concello de Marín e da Concellería de (in)Cultura polo anuncio dun Plan de Protección do Patrimonio -e dos partidos da oposición que propiciaron esa patraña- ficticio e alleo á participación social. Escribo dende a condena rotunda e a impotencia por non poderlle valer ao Monte Pornedo despois de ter dedicado tantos anos, sacrificios e recursos para salvalo da especulación urbanística, rescatalo do descoñecemento veciñal e poñelo en valor. E mentres boto a vista atrás pensando nos logros acadados con tanto esforzo, escribo para anunciar que o Colectivo Monte Pituco non vai decaer na loita: as próximas Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián serán para analizar as causas, as responsabilidades e as liñas de traballo futuras na recuperación do Pornedo.
O canteiro José Meijón Area (Marín, 1899-1980) será o protagonista das VIII Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema “José Meijón, maza e cicel”. O xoves 14 de novembro a partir das 19:00 horas celebrarase unha charla no Museo Manuel Torres titulada “Historia e memoria dun neopetroglifeiro” na que participarán o profesor e investigador Germán Labrador e a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín, Queta Molas.
Germán Labrador é autor de varios artigos académicos sobre este marinense senlleiro, que ao longo de case cincuenta anos, dedicouse a realizar gravados en numerosos espazos da vila, tanto no casco urbano como no litoral e no monte, incluído o Pornedo; unha actividade que, para o investigador pontevedrés, “obedeceu non só ás escuras forzas da loucura, senón tamén a unha irrefreable vontade de facer arte, recoñecida polos seus coetáneos en clave de beleza, pero invisible hoxe aos ollos das institucións en xeral, e das artísticas en particular, por máis de ser estritamente contemporánea e afín respecto de proxectos de intervención paisaxística que etiquetamos como land-art”.
A achega de Queta Molas consistirá en contextualizar historicamente a obra de Meijón no marco dunha etapa marcada pola Guerra Civil e pola ditadura franquista que, segundo Germán Labrador, xerou unha “violencia estrutural” que constitúe o “motor” da súa obra.
Precisamente, a abundancia de gravados motiva que o Colectivo Monte Pituco organice dúas rutas para visitar algúns dos enclaves nos que Meijón deixou a súa pegada: o venres ás 19:00 horas a Praza de Abastos de Marín será o punto de encontro para percorrer a rúa Calzada, onde estivo a súa casa, os muros da Igrexa Vella ou o lavadoiro do Souto; o domingo ás 10:00 horas, dende o mesmo punto de saída, o itinerario dirixirase cara á parroquia de San Xián para descubrir as figuras que José Meijón trazou con maceta e punteiro en muíños, valados, fontes e outras laxes, tamén asociadas a algunhas estacións rupestres prehistóricas.
As VIII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse coa celebración, o sábado 16 de novembro -no que se conmemora o Día do Patrimonio Mundial- ás 13:00 horas, dunha homenaxe a Xan Montenegro organizada pola familia e os achegados de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián, ademais de activista cultural e político. Será no lugar do Carballal, ao carón do monolito instalado en 2013, dous anos despois do seu pasamento.
TRAXECTORIA DAS XORNADAS
As Xornadas de patrimonio de San Xián comezaron en novembro de 2017, dous meses despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarase firme e irrevogable a segunda das sentenzas que tombaron o proxecto para instalar un polígono industrial no Pornedo. Tras unha década de arduo traballo na defensa do “balcón da ría”, o Colectivo Monte Pituco decidiu enfocar a súa actividade cara á divulgación da riqueza histórica e cultural da parroquia. Pensadas inicialmente para involucrar a veciñanza desta contorna rural coa Casa de Montes como punto de referencia, o veto da Comunidade de Montes de San Xián motivou que os encontros veñan celebrándose en distintos emprazamentos no centro da vila.
Asomámonos a esta fiestra colectivo para desexarlle un venturoso 2024 ás amigas e amigos do Monte Pituco (Pornedo), sempre con máis natureza e paisaxe, máis patrimonio, historia e cultura. Vémonos no ‘balcón da ría’!
“Querer, saber, poder” é o titular do faladoiro que compartimos este pasado xoves, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, arredor do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños con dous dos seus promotores, o antropólogo Rafa Quintía, que formou parte da comisión técnica do proxecto, e o presidente da Comunidade de Montes de Salcedo, Fernando Pintos, a única das tres comunidades de montes -San Xián foi a primeira en desentenderse, seguida de Lourizán tempo despois- que segue fiel a esta iniciativa de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural deste espazo.
As comuneiras e comuneiras de Salcedo queren conservar, promocionar e desfrutar dos xacementos arqueolóxicos que atesoura o seu territorio; saben porque se rodean de bos asesores que, como explicou Rafa Quintía, levan moito tempo desenvolvendo un intenso labor de pedagoxía entre a veciñanza; e poden impulsar accións encamiñadas á mellora de todos estes recursos porque contan cos fondos económicos necesarios para financialos e co aval da parroquia. Por iso esta entidade é un espello no que mirarse, un exemplo a seguir, a envexa de quen padecemos, en San Xián, o veto e a censura, o desprezo e a represalia.
Estas VII Xornadas de Patrimonio de San Xián continúan mañá domingo cunha RUTA DE SENDEIRISMO POLO MONTE DE SALCEDO, con saída ás 10:00 horas dende o cruce do Regueiriño. Finalizaremos ás 17:00 horas coa celebración da Homenaxe a Xan Montenegro, organizada pola súa familia e achegados, no lugar do Carballal.
Dende o Colectivo Monte Pituco queremos dedicarlle tamén unha lembranza especial a unha persoa extraordinaria e inspiradora, animosa e sensible, investigador da natureza e do patrimonio cultural, gran defensor e divulgador do río Gafos: Amancio Castro, sempre na nosa memoria. Apertas ás súas compañeiras e compañeiros de Vaipolorio e á súa familia.
As VII Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián celebraranse o vindeiro 16 de novembro, co gallo do Día Internacional do Patrimonio. O Museo Torres de Marín acollerá un faladoiro a partir das 19:30 horas arredor do “Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”, coa participación do presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Salcedo, Fernando Pintos, e do antropólogo Rafael Quintía. Para o Colectivo Monte Pituco, o labor de defensa e promoción do patrimonio que se desenvolve na parroquia veciña de Salcedo é un exemplo para outras comunidades de montes e colectivos sociais. Fronte ao desinterese das demais comunidades que integran o Espazo Sete Camiños, San Xián e Lourizán, Salcedo é a única que mantén o seu compromiso co coidado, sinalización e divulgación dos elementos patrimoniais existentes no seu ámbito territorial, mesmo ampliando a oferta de recursos coa construción dun parque etnoarqueolóxico en Outeiro das Mouras.
O Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños foi unha iniciativa do arqueólogo Lukas Santiago que tomou forma en 2010 coa creación dunha comisión técnica da que formaron parte Rafael Quintía e o Colectivo Monte Pituco, canda outros integrantes dos movementos asociativos de Marín e Vilaboa, e que contou co aval de sete profesionais da arqueoloxía e numerosas entidades sociais e culturais. Inaugurado en 2015 baixo a xestión das comunidades de montes de Salcedo, Lourizán e San Xián, esta última axiña se desentendeu das súas responsabilidades, ignorando os actos vandálicos que afectaron a sinalización instalada, retirando os paneis informativos nos seus accesos e incumprindo o compromiso de ampliar o Espazo Sete Camiños ata o Lago de Castiñeiras a través dos conxuntos rupestres de Champás e A Carrasca.
As concellerías de Cultura e de Turismo do Concello de Marín tampouco colaboraron neste tempo na promoción do Espazo Sete Camiños, alén dunha única andaina celebrada en 2015 no marco do programa municipal de Rutas Culturais.
Por tanto, cómpre reivindicar este conxunto de bens que atesouran as tres parroquias -petróglifos e mámoas, elementos de interese etnográfico, lendas, natureza e paisaxe- e darlle a importancia que merecen, tamén como mecanismo de recoñecemento e identificación para a veciñanza. Só con educación, sensibilización e promoción será posible que San Xián deixe de ter o seu valioso patrimonio arqueolóxico nun pesimo estado de conservación, e que se erradiquen comportamentos incívicos como as recentes pintadas que afectaron á igrexa parroquial; accións impunes que se suman á agresión que o pasado ano sufriu o cruceiro da Chisca, situado no exterior do adro, resultando gravemente danado no seu fuste pola posible acción dunha radial.
OUTRAS ACTIVIDADES
As VII Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián completaranse o domingo 19 a partir das 10:00 horas cunha ruta de sendeirismo polo monte veciñal de Salcedo guiada por Fernando Pintos e Rafael Quintía para visitar o xacemento arqueolóxico de Outeiro das Mouras e as cabanas de estilo prehistórico que completan este conxunto rupestre, ademais de percorrer os arboredos do Vello e da Carrasqueira, repoboados con milleiros de árbores en terreos antano invadidos polas acacias.
Finalmente, celebrarase o Memorial Xan Montenegro, organizado por amigos e familiares de quen fora presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, ademais de activista político e cultural. Será ás 17:00 horas no lugar do Carballal, ao carón do monumento na súa memoria. Con esta homenaxe honrarase o legado ético e social de Xan Montenegro, o seu compromiso coa mellora das infraestruturas e dos servizos, e a súa defensa do patrimonio histórico e ambiental, cando se cumpren 12 anos do seu pasamento.
Aspecto que presenta o grupo nº2 Champás, con leña e vexetación ao carón dos gravados rupestres
O Concello de Marín non disimula o seu desprezo polo patrimonio rupestre da vila, como se constatou na Ruta Cultural deste pasado 14 de maio. Era a segunda vez dende que goberna o PP que a Concellería de Cultura organizaba unha visita aos petróglifos de San Xián, a parroquia coa maior densidade de gravados prehistóricos; pasaron oito longos anos dende a anterior andaina en decembro de 2015 ao Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños. Nesta ocasión, o Goberno local ofreceu unha pésima imaxe dos xacementos da Carrasca e de Champás, ben por improvisación e desidia, ou ben a mantenta e con esa idea premeditada. Lonxe de supoñer que o Concello se ocuparía de adecentar minimamente os xacementos para esta visita, atopámolos rodeados de vexetación e leña seca que comprometen a súa integridade en caso de incendio, cubertos de follaxe e con dificultades para acceder a algúns deles monte a través porque os organizadores descoñecen os sendeiros tradicionais. Esta situación de abandono e desleixo evidencia a nula vontade do Concello por contribuír ao coidado, conservación e difusión deste valioso patrimonio.
Malia que estes gravados se sitúan en terreo de titularidade veciñal, a xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián non se dignou sequera en exercer de anfitrioa, polo que ningún dos seus dirixentes participou na ruta. Fronte ás trabas que esta entidade lle impón ao Colectivo Monte Pituco para realizar roteiros divulgativos polos petróglifos da parroquia, vulnerando o dereito da veciñanza á “visita pública” dos bens de interese cultural, cuestiónase que o Concello de Marín fose obrigado a solicitar autorización previa para organizar esta andaina.
Situación do grupo nº5 dos petróglifos da Carrasca, agredido en 2016 nun desbroce de camiños encargado pola Comunidade de Montes de San Xián
Precisamente, un dos xacementos visitados foi o grupo nº5 do conxunto rupestre da Carrasca que, a finais de 2016, resultou afectado por uns traballos de desbroce realizados sen supervisión arqueolóxica por encargo da Comunidade de Montes de San Xián, que foi sancionada pola Dirección Xeral de Patrimonio por unha agresión tipificada como “grave”. A repercusión que tiveron aqueles danos levou a que o Concello aprobara en febreiro de 2017 un Plan de Protección do Patrimonio do que nada máis se soubo, a pesar dos intentos por parte do Colectivo Monte Pituco -co apoio de varios arqueólogos e expertos- por introducir melloras que permitisen unha protección “real e efectiva” dos xacementos con prazos, medidas concretas e o asesoramento dos colectivos e especialistas en patrimonio local.
Ás mostras de incompetencia institucional, cómpre unir a desidia cara ao patrimonio arqueolóxico da parroquia por parte dalgún integrante da xunta rectora da Comunidade de Montes de San Xián con ínfulas políticas que antano xa exerceu como promotor activo da instalación dun polígono industrial no Monte Pituco (Pornedo) que prexudicaba os xacementos desa contorna; un proxecto ilegal que foi anulado con dúas sentenzas firmes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sen que, a día de hoxe, seis anos despois, o Concello lle teña retirado por fin a clasificación de solo empresarial a este enclave.
Ante o decepcionante resultado da visita aos petróglifos de San Xián organizada polo Concello de Marín, dende o Colectivo Monte Pituco reclamamos colaboración entre a Administración local e a Comunidade de Montes, xunto cos organismos competentes a nivel autonómico, para a limpeza e posta en valor dos xacementos; o desenvolvemento do Plan de Protección do Patrimonio coas achegas reiteradamente demandadas dende este grupo veciñal; e a implicación dos colectivos en defensa do patrimonio arqueolóxico nas futuras visitas como coñecedores da ubicación dos gravados -tanto os historicamente catalogados como os de recente descubrimento- e da rede de camiños que os comunican.
Situación na que se atopa o gravado nº3 do conxunto rupestre da Carrasca, rodeado de eucaliptos e vexetación
O Colectivo Monte Pituco organiza este domingo unha andaina seguindo a “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas
Un dos elementos que se visitarán é o cruceiro da Chisca, agredido cun obxecto metálico que deixou marcas no fuste do monumento
O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) organiza este domingo a andaina que, a causa do mal tempo, fora adiada o pasado novembro no marco das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián. O punto de encontró será o adro da igrexa parroquial a partir das 10:00 horas. Durante o itinerario utilizarase o libro “Toponimia de Marín”, de Elixio Rivas, que foi a figura homenaxeada nestas xornadas. O obxectivo da ruta é coñecer a orixe dos nomes dos lugares visitados, a súa etimoloxía e procedencia.
Co recoñecemento ao labor deste filólogo ourensán que residiu na vila durante 21 anos, o Colectivo Monte Pituco súmase ás voces que reclaman a reedición da súa “Toponimia de Marín” e que lle urxen ao Concello de Marín o cumprimento do compromiso adquirido en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento, que deu pé á publicación do libro.
Elixio Rivas foi un asiduo visitante dos distintos recunchos da parroquia de San Xián durante o tempo que dedicou ao traballo de campo da súa tese, recollendo topónimos a través do testemuño directo da veciñanza. Algúns deses percorridos realizounos na compaña do mestre Carlos Paratcha, estudoso do patrimonio arqueolóxico de Marín e descubridor de varios xacementos localizados nos montes de San Xián.
CRUCEIRO DANADO
Co convencemento de que é preciso realizar accións divulgativas e de sensibilización para garantir a conservación do patrimonio -inmaterial como a toponimia; material como elementos prehistóricos (mámoas, petroglifos…) e etnográficos (muíños, fontes, lavadoiros, cruceiros…) e mesmo a paisaxe natural-, o Colectivo Monte Pituco leva dende 2010 promovendo charlas e roteiros a cargo de especialistas.
Cruceiro da Chisca, no exterior do adro da igrexa de San Xián
Precisamente, o primeiro elemento que se visitará este domingo será o cruceiro do Igrexario de San Xián que, nos últimos meses, resultou agredido. O fuste presenta marcas profundas realizadas cun material metálico, posiblemente unha radial, acaso coa intención de limpar a superficie da pedra. Lonxe de lograr ese obxectivo, semellante neglixencia provocou un dano considerable no varal do cruceiro, co risco para a integridade da peza.
Datado en 1698 e coñecido como o cruceiro da Chisca, a cruz presenta a figura dun Cristo sobre un capitel decorado con elementos vexetais e facianas de anxos.
Non é o único elemento patrimonial prexudicado na parroquia de San Xián nos últimos tempos. A Comunidade de Montes de San Xián foi sancionada en 2017 pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta por causar unha agresión grave no conxunto rupestre da Carrasca a causa duns labores de desbroce realizados con maquinaria pesada sen a pertinente supervisión arqueolóxica. Lonxe de rectificar, a Comunidade de Montes segue realizando tarefas de limpeza que non respectan a área de cautela dos xacementos arqueolóxicos catalogados como Bens de Interese Cultural.
Petróglifo do Pornedo, a rente do paso da maquinaria desbrozadora. Agosto de 2022
Retomamos a andaina que fora adiada o pasado mes de novembro a causa do mal tempo. Celebrarase este domingo 29 de xaneiro a partir das 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, que será tamén o punto de destino do roteiro. Con esta actividade culminan as VI Xornadas ‘Xan Montenegro’ de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao labor do filólogo Elixio Rivas, autor da “Toponimia de Marín”. Durante a ruta, ademais de deternos nos elementos de interese cultural e etnográfico, prestarase unha especial atención á nomenclatura dos lugares.
Reclaman a reedición da “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas e a dixitalización da súa tese nas VI Xornadas de Patrimonio de San Xián
Esta fin de semana celébranse o Memorial Xan Montenegro e unha ruta de sendeirismo pola parroquia
As VI Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que comezaron esta semana -organizadas polo Colectivo Monte Pituco (Pornedo) co lema “Elixio Rivas, raizame das palabras”- serviron para urxir a reedición da “Toponimia de Marín” elaborada polo filólogo ourensán afincado nesta vila durante 21 anos, e para reclamar que o Concello de Marín cumpra o compromiso subscrito en 2016 para dixitalizar os dous tomos da súa tese de doutoramento.
O Museo Manuel Torres acolleu unha charla do profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do colexio San Narciso e correspondente da Real Academia Galega, que promoveu que Elixio Rivas lle cedera ao Concello o seu traballo académico, presentado en 1978 e cualificado cun “sobresaliente cum laude”, coa finalidade de estar á disposición da cidadanía.
Parafraseando o emblema do escudo marinense, Silveiro referiuse a Rivas como “nostra fortuna”, xustificando a necesidade de recuperar o libro que resume esa tese en algo máis de 400 páxinas, publicado en 1982 pola Universidade de Santiago.
Ademais de comparar o labor de Rivas -que documentou preto de 16.000 palabras galegas- coa achega de Frei Martín Sarmiento no século XVIII, Silveiro salientou que a “Toponimia de Marín” foi a primeira que se centrou nun ámbito local. Partindo dese carácter pioneiro, este docente vén impulsando un proxecto de posta en valor da toponimia como ferramenta de uso didáctico, conseguindo xeolocalizar 1.022 topónimos marinenses na plataforma Galicia Nomeada coa implicación do alumnado de Secundaria e Bacharelato do Colexio San Narciso.
O reto continúa e está aberto á participación doutros centros de ensino, colectivos e veciñanza a nivel particular; un xeito de contribuír a que a memoria de Elixio Rivas e o seu valioso legado sigan presentes.
Durante o encontro tamén se proxectaron fragmentos dunha entrevista audiovisual de 2019 na que Elixio Rivas repasaba a súa vida, os seus estudos universitarios de Filoloxía Románica, as súas investigacións etimolóxicas e os seus numerosos libros sobre toponimia, lexicoloxía e onomástica, ademais da relación intelectual que mantivo con persoeiros como Antonio Blanco Freijeiro, Alfredo García Alén e Carlos Paratcha. A este último, mestre e colaborador do Museo de Pontevedra na descuberta de numerosos xacementos arqueolóxicos, dedicóuselle a terceira edición destas Xornadas de Patrimonio.
O Colectivo Monte Pituco sumouse á petición para que tanto Carlos Paratcha como Elixio Rivas sexan recoñecidos polo Concello de Marín.
ÚLTIMAS ACTIVIDADES
As VI Xornadas de Patrimonio de San Xián continuarán mañá sábado, a partir das 17:00 horas no monolito erixido na lembranza de Xan Montenegro, onde os seus familiares e achegados organizan un acto cívico polo seu 11º cabodano. Presidente do colectivo veciñal da parroquia, activista político, social e cultural, Montenegro acadou importantes logros na mellora e modernización deste enclave, polo que nos últimos anos vense reivindicando que a estrada de San Xián leve o seu nome.
A derradeira actividade das VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián consistirá, se o tempo o permite, nunha ruta de sendeirismo pola contorna rural da parroquia, que partirá este domingo ás 10:00 horas dende o adro da igrexa, visitando elementos etnográficos como fontes, lavadoiros e muíños, e identificando os nomes dos lugares na “Toponimia de Marín” de Elixio Rivas para coñecer a súa orixe.
O profesor Héctor Silveiro impartirá unha charla esta tarde de mércores, a partir das 19:30 horas no Museo Manuel Torres de Marín, no marco das VI Xornadas “Xan Montenegro” de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, dedicadas ao filólogo Elixio Rivas. Membro correspondente da Real Academia Galega e coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio San Narciso, Silveiro abordará o reto que impulsa este centro educativo para poñer en valor a toponimia local.
Na semana na que vén de celebrarse o Día Mundial do Patrimonio, o Colectivo Monte Pituco (Pornedo) anuncia as VI Xornadas “Xan Montenegro” de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que se celebrarán os días 23, 26 e 27 de novembro. “Elixio Rivas, raizame das palabras” é o lema do programa de actividades, nas que se vai homenaxear o autor -falecido o pasado mes de setembro aos 97 anos- da obra “Toponimia de Marín.
O profesor Héctor Silveiro, coordinador do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio San Narciso e membro correspondente da Real Academia Galega, participará o vindeiro mércores 23 ás 19:30 horas, no Museo Manuel Torres de Marín, nunha charla na que vai lembrar a figura e o legado de Elixio Rivas, que lle dedicou á toponimia marinense a súa tese de licenciatura en Filoloxía Románica, ampliada e presentada en 1978 como tese de doutoramento. Dous tomos de considerable volume recollen o seu labor inxente, do que en 1982 a Universidade de Santiago publicou un pequeno resume de 409 páxinas en formato libro, como anexo da revista Verba.
En xaneiro de 2016 Elixio Rivas -que durante 21 anos fora profesor e secretario do Colexio San Narciso- recibiu unha homenaxe no Museo Manuel Torres na que o lingüista e etnógrafo protagonizou a doazón ao Concello de Marín dos dous tomos da súa tese, co compromiso de que a Administración local custodiaría, dixitalizaría e publicaría o documento nun formato accesible á veciñanza; un compromiso que, seis anos despois, fica incumprido.
O profesor Héctor Silveiro foi, xunto co Ateneo Santa Cecilia, o promotor da proposta de recuperación da “Toponimia de Marín” para poñela á disposición da cidadanía e dos investigadores. Como lembrou daquela, o traballo de Elixio Rivas -que dende 1978 pertencera á Comisión de Toponimia de Galicia, unha sección do Consello da Cultura Galega- foi pioneiro e contribuíu a que posteriores iniciativas nesa materia o tiveran como modelo.
MEMORIAL E ANDAINA
As VI Xornadas de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián continuarán o sábado día 26 co Memorial Xan Montenegro, ás 17:00 horas no lugar do Carballal. A figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián dálle nome a estas xornadas dende a pasada edición como recoñecemento á súa contribución na mellora da parroquia. Familiares e amigos de Xan Montenegro veñen impulsando esta homenaxe cívica dende o seu pasamento, en xuño de 2011.
Finalmente, o domingo a partir das 10:00 horas comezará unha ruta de sendeirismo pola parroquia de San Xián -con saída e chegada no adro da igrexa– para dar a coñecer o patrimonio natural e etnográfico desta contorna do rural marinense, con especial atención á toponimia, tendo o libro de Elixio Rivas como obra de consulta no que atinxe á orixe e á motivación dos nomes dos lugares visitados. En caso de mal tempo, a andaina posporíase a unha próxima data.
Encontro na Biblioteca de Marín arredor da figura de Xan Montenegro coa súa irmá Lucinda e con Xosé Vilas
A Biblioteca Pública de Marín acolleu a charla das V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián arredor da figura de Xan Montenegro, da súa traxectoria vital e do seu activismo político, social e cultural. A súa irmá Lucinda compartiu aspectos salientables da súa faceta máis persoal e familiar, do seu firme empeño por contribuír á transformación do país dende a honestidade e o traballo arreo, participando en colectivos -sociais, culturais, ambientais, políticos- cos que compartía ideais.
O seu labor truncouse en xuño de 2011 cando a saúde lle volveu fallar, tralo dobre transplante hepático ao que fora sometido en xuño de 1996. A ciencia e a solidariedade déranlle daquela 15 anos máis de vida que a Xan Montenegro lle serviron para valorar “cada segundo” e transformar o seu agradecemento por esa nova oportunidade en máis altruismo: velaí o seu labor á fronte da Asociación de Veciñas e Veciños de San Xián que deu como froito as obras de humanización da estrada da parroquia, inauguradas un ano despois do seu pasamento; a súa colaboración en numerosas causas, como a defensa do Pornedo fronte ao polígono industrial que ameazaba a valiosa riqueza natural, paisaxística e arqueolóxica desta contorna; a súa entrega á militancia política no eido do nacionalismo, onde padeceu tantas inxustizas por exercer o seu dereito a discrepar; a súa afección a viaxar para ampliar o seu coñecemento do mundo e doutras culturas; e a súa derradeira lección de xenerosidade: donar o seu corpo á ciencia para favorecer a investigación médica…
Co seu amigo Xosé Vilas tamén puidemos coñecer, a través de entrañables anécdotas, o seu interese por un amplo abano de actividades culturais: o cinema, as conferencias, a música en directo, as exposicións… O seu arquivo fotográfico -do que compartiu unha escolma de imaxes- está cheo de imaxes que dan conta do carácter aberto e vitalista de Xan Montenegro: a súa presenza inconfundible no Entroido marinense, a súa paixón polo mar, a súa preocupación pola conservación dos vestixios prehistóricos da parroquia, o seu afán por dinamizar San Xián a través de iniciativas tan chamativas como a Festa do Palleiro, que se converteu nunha das citas máis senlleiras do Carballal… A súa marcha prematura en xuño de 2011 fixo esmorecer as actividades que impulsara: “nada é o mesmo sen Xan actuando como motor”.
Dende entón, os seus achegados contribúen a manter viva a súa memoria coa homenaxe anual que se lle tributa preto do seu fogar. Dende o Colectivo Monte Pituco déuselle continuidade á loita da que fora pioneiro na protección do ‘balcón da ría’ acadando a anulación, con dúas sentenzas firmes, do parque empresarial proxectado no PXOM do Concello de Marín e no Plan Sectorial de Áreas Empresariais da Xunta. E en diante, as Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián levarán o seu nome, en recoñecemento ao seu valioso legado humano.
Cunha fotografía de Xan Montenegro sentado na silla de Champás, un dos xacementos arqueolóxicos dos montes de San Xián
“Xan Montenegro, alma do balcón da ría”: exposición fotográfica no Multiusos de Marín
A galería do Multiusos anexo ao Mercado de Abastos de Marín acolle a exposición fotográfica “Xan Montenegro: alma do balcón da ría”, unha das actividades do Colectivo Monte Pituco (Pornedo) que conforman o programa das ‘V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” dedicadas á memoria do activista social e cultural, que presidiu a Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia. Este martes, co gallo do Día Mundial do Patrimonio, a exposición abrirá as súas portas ao público de 19:00 a 20:00 horas para que as persoas interesadas poidan achegarse -a través da trintena de imaxes cedidas pola familia e pertencentes ao arquivo do seu amigo Xosé Vilas- á figura de Montenegro e ao seu legado humano.
A mostra comeza cunha escolma de estampas de xuventude nas que se desvela a súa afección deportiva como xogador de equipos locais de fútbol como o Timonel e o Chagas. Tamén sobresae a súa activa faceta cultural, como impulsor -en 1996- da Festa do Palleiro que se celebraba no lugar do Carballal, de onde era oriundo; a súa destacada participación no Entroido marinense; a colaboración na Semana do Mar de Seixo e noutros colectivos da bisbarra promotores da cultura mariñeira e das embarcacións tradicionais; o seu compromiso político co nacionalismo, militando en organizacións como ERGA, CIMO-Castelao, BNG -de onde foi expedientado e expulsado entre 1999 e 2000 xunto con outros compañeiros por discrepancias coa dirección nacional- e Marinenses Independentes; o seu apoio a causas como a memoria histórica, a defensa ambiental da ría de Pontevedra ou o seu labor pioneiro na protección do Monte Pornedo, ao que se refería como ‘o balcón da ría’.
Visita á exposición, o pasado venres coincidindo co inicio das V Xornadas de patrimonio de San Xián
Outro apartado da exposición recolle algunhas das súas viaxes por Latinoamérica -Arxentina, Uruguai…- e Europa -Francia, Bélxica, Países Baixos…- que forxaron a súa apertura de miras e a súa admiración por outras culturas. A mostra complétase con varias fotografías do patrimonio arqueolóxico dos Monte Pornedo, representado polos petróglifos do Pornedo, Sete Camiños e Pinal de Caeiro, máis unha representación do gravado rupestre da Pena, aterrado nas obras da Variante de Marín malia os esforzos de Xan Montenegro por evitar esta agresión alertando as autoridades autonómicas, que fixeron caso omiso.
Representación en pedra do petróglifo de Sete Camiños, do artesán Francisco Ameixeiras, e recreación do gravado rupestre da Pena, realizado en Alén das Olas
Ademais da inauguración da exposición, as ‘V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’ comezaron cunha charla na Biblioteca Pública coas intervencións de Lucinda Montenegro, irmá de Xan, e do seu amigo Xosé Vilas, que comentaron algúns dos aspectos máis salientables da súa vida a través de numerosas anécdotas. Tamén se recordou o compromiso institucional incumprido de poñerlle o nome de Xan Montenegro á estrada da parroquia, en recoñecemento ao seu importante labor reivindicativo na mellora e na humanización deste vial, que inaugurou as beirarrúas en decembro de 2012, un ano despois do seu pasamento.
O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) decidiu dedicarlle este encontro anual que, a partir da próxima edición, pasará a denominarse “Xornadas Xan Montenegro de protección e posta en valor do patrimonio de San Xián” como homenaxe á súa figura e ao seu legado humano.
As actividades desta quinta convocatoria completáronse cunha ruta de sendeirismo que, dende o adro da igrexa parroquial, percorreron os lugares de Viñas Brancas, O Carballal, a senda do rego de Castiñeiras e Pelagartos, visitando elementos do patrimonio etnográfico como o cruceiro de Pazos ou da Barreira, as fontes de Arrebalde e A Grela, e os muíños do Valado, Salgueiro, Batán, Fornaco e Briasco, xunto cos petróglifos de Briasco e Pelagartos.
Diario de Pontevedra, 6 de novembro de 2021La Voz de Pontevedra, 7 de novembro de 2021Pontevedraviva, 5 novembro 2021Faro de Vigo, 6 novembro 2021Carriola, 6 novembro 2021Cousas, 6 novembro 2021
O Colectivo Monte Pituco (Pornedo) celebrará as V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que terán como eixe temático a figura de quen fora activista cultural e presidente da Asociación de Veciñas e Veciños da parroquia, Xan Montenegro, no ano no que se cumpriu unha década do seu pasamento. En vésperas do Día do Patrimonio Mundial, que se conmemora cada 16 de novembro, o obxectivo destas xornadas é recoñecer o labor pioneiro de Xan Montenegro na protección dos xacementos arqueolóxicos de San Xián en xeral e do Pornedo en particular, así como na defensa da importancia natural e paisaxística desta contorna, á que se refería como “o balcón da ría”.
A Biblioteca Municipal de Marín acollerá o vindeiro venres, 12 de novembro, a partir das 20:00 horas, un faladoiro arredor das distintas facetas -social, cultural, política…- que desenvolveu Xan Montenegro ao longo da súa vida, coa participación da súa irmá Lucinda e do seu amigo Xosé Vilas.
Ao día seguinte, o sábado día 13, realizarase unha ruta de sendeirismo por diversos lugares de San Xián. Con saída ás 10:00 horas dende o adro da igrexa parroquial, a andaina percorrerá Viñas Brancas, O Carballal e algúns dos muíños que se atopan no sendeiro que bordea o rego do Lameira ata o Lago de Castiñeiras, para retornar ao punto de partida a través de Pelagartos, onde se localizaron achados vencellados a un posible asentamento prehistórico.
A homenaxe a Xan Montenegro completarase cunha mostra fotográfica no espazo expositivo do Multiusos anexo ao Mercado de Abastos de Marín, que permanecerá do 10 ao 20 de novembro. Incluirá imaxes cedidas pola familia pertencentes ao arquivo de Xosé Vilas: dende estampas de infancia e mocidade, ata viaxes ao estranxeiro, pasando polas diversas actividades nas que colaborou en ámbitos como a memoria histórica e o activismo político, o movemento veciñal e a dinamización cultural a través do Entroido marinense ou a organización da Festa do Palleiro.
As V Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, que contan co apoio da Rede do Patrimonio Cultural de Galicia á que pertence o Colectivo Monte Pituco, realizaranse mantendo as medidas sanitarias vixentes.
No ano da pandemia non foi posible organizar a ‘Andaina polo Monte Pituco ao solpor’ que xa viña sendo unha tradición. Por iso cómpre agradecer que a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo dedique a próxima ruta desta tempada de outono á promoción dos conxuntos rupestres da Carrasca e de Champás, que formarían parte da prolongación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños para enlazar este itinerario coa Ruta das Mámoas do Morrazo.
O itinerario, de 7 quilómetros e dificultade baixa, terá como punto de partida e de chegada a arboreda do Pornedo, preto do cruce do Regueiriño; será o vindeiro sábado 23 de outubro, con saída ás 16:30 horas.
Ademais do patrimonio arqueolóxico, natural e paisaxístico, un dos aspectos salientables desta andaina é a posta en valor da microtoponimia. Así, percorrendo pistas forestais, camiños e corredoiras visitaranse os lugares de A Cachada, A Fontenla, As Presas, A Lagoa, Os Bustos, A Senra, Os Campos, O Mazadoiro, As Cachadas, As Chans, A Carballa, A Cachada Grande, O Pumar, Sete Camiños e O Carballo, entre outros. No treito final será posible admirar o solpor dende o ‘balcón da ría’ e aprezar en todo o seu esplendor o conxunto rupestre do Pornedo, iluminado con luz artificial.
Paneis informativos realizados por Cándido Martínez e Paulo Troitiño
Espectaculares fotografías nocturnas do experto en patrimonio da bisbarra morracense, Paulo Troitiño, no conxunto rupestre do Pornedo, en San Xián, nas que se aprecian os trazos abstractos e as armas gravadas neste xacemento. Unha vergoña e unha irresponsabilidade o pésimo estado no que se atopan actualmente estes Bens de Interese Cultural pola desidia do Concello de Marín e da Comunidade de DESmontes. A providencia dálle patrimonio a quen non o quere coidar.
Vanse cumplir 10 anos dende a creación da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, que xurdiu como reacción social contra o proxecto de instalación dun parque eólico en Pedras Negras. Unha década despois, os muíños de vento seguen ameazando o país, mais a Plataforma Montes do Morrazo continúa co seu labor reivindicativo e, sobre todo, divulgativo, dando a coñecer a importancia, ambiental, paisaxística e cultural da bisbarra. A primeira andaina do outono percorreu boa parte do territorio no que se atopan as mámoas catalogadas nas parroquias de San Martiño e Santa Cristina de Cobres no concello de Vilaboa, e mais San Tomé de Piñeiro e San Xián de Marín no municipio de Marín, enmarcadas en solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, de augas e patrimonial.
Chan de Castiñeiras ou da Castiñeira -fitónimo con clara referencia á antiga presenza do castiñeiro nesta contorna- está ubicada nunha penechaira a uns 400 metros de altitude sobre o nivel do mar entre os altos de Castiñeiras, da Graña, de Outeiro dos Asubións e de Coto Redondo; acolle tamén o nacemento do rego de Castiñeiras, principal afluente do rego Lameira, cuxa desembocadura está na ría de Pontevedra, ao carón do núcleo urbano de Marín.
Conta con dous espazos: as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, integradas no Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna, tanto invertebrada como vertebrada, representando hábitats naturais prioritarios a nivel europeo, con especies de fauna e flora endémicas e vulnerables a nivel ibérico.
Contorna da lagoa de Castiñeiras
A lagoa, procedente dun intento inicial de aproveitamento hidráulico, é un espazo artificial construido a principios dos anos 40 do século pasado. Dende aí comezou a creación do parque forestal circundante ata o alto de Coto Redondo, no marco da política repoboadora a nivel forestal que levou a cabo de xeito intensivo nos montes do Morrazo o goberno estatal da ditadura franquista. Esta iniciativa remontábase a un proxecto experimental realizado anteriormente na ditadura de Primo de Rivera, chegando con diversas aportacións ao longo do tempo ata o presente, sendo xestionado en principio polo Patrimonio Forestal do Estado, posteriormente polo ICONA e, a partir dos anos oitenta, co réxime democrático vixente, pola Xunta de Galiza a través da Consellería de Agricultura, Gandeiría e Montes e da Consellería de Medio Ambiente.
Desde mediados desta década pasada son as comunidades de monte veciñais en man común de San Tomé de Piñeiro e San Xián (Marín) e San Martiño e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) -copropietarias dos terreos- as que ostentan a xestión trala fin dos convenios que tiñan coa Administración autonómica.
O parque forestal destaca pola presenza, a nivel botánico, de aproximadamente medio cento de especies de árbores e arbustos dos cinco continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…) xunto con outras especies naturalizadas como salgueiros e ameneiros do bosque de ribeira correspondente á conca alta do rego de Castiñeiras. No seu momento, ao carón da construción da lagoa, realizouse tamén un proxecto de cría de troitas, do que se conservan as instalacións das antigas presas pola canalización das augas procedentes dos mananciais naturais da zona húmida do lugar.
A nivel cultural e arqueolóxico destaca pola presenza prehistórica de nove mámoas megalíticas adscritas ao Neolítico: oito nomeadas como Chan de Castiñeiras e outra máis denominada mámoa de Pedralonga, esta última gravemente afectada pola construcción dunha estrada proxectada pola Xunta. Dúas delas, a Mámoa do Rei e a de Pedralonga, ademais de conservar boa parte da estrutura lítica do dolmen -principalmente a primeira desde que foi restaurada en 2003- están catalogadas como Ben de Interese Cultural (BIC) por conter gravados rupestres no interior dos esteos dos seus dólmenes.
Asemade, existe unha mámoa coa cámara tipo cista, de enterramento individual, de cronoloxía algo posterior. A maioría posúen cámara de enterramento con corredor de entrada; boa parte delas están sen a penas estrutura do seu dolmen, conservando as correspondentes fosas de delatación na base do túmulo, e a cronoloxía da súa construción está por riba dos 5.000 anos de antigüidade.
En fase histórica é de salientar que o lugar da Fonte de Castiñeiras serviu de referencia para o marco divisorio ou Cruz do Termo, onde se dividían -desde o Medievo e durante o Antigo Réxime- a antiga xurisdición de Marín a través do Couto do mosteiro de Oseira; a do Morrazo, á que pertencía a parroquia de San Tomé de Piñeiro; e a de Pontevedra, á que pertencía a parroquia de San Martiño de Vilaboa, xunto coa súa parroquia anexa de Santa Cristina de Cobres. En 1836, cando se constitúen os novos concellos constitucionais, as parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Tomé de Piñeiro e San Xián avíronse -tras séculos de conflitos polo aproveitamento dos recursos (predominio do monte e a roza, estivada e gandeiría extensiva sobre o uso forestal)- a un acordo notarial sobre a delimitación dos seus montes comunais, do que aínda se conservan de xeito renovado algunhas pedras fincadas coa funcionalidade de deslinde no terreo e marcadas a cadanseu lado coa letra inicial de cada parroquia, segundo a orientación da propiedade.
Así mesmo, existe a Pedra do Corvo, onde unha gran coviña esculpida na rocha a golpe de pico e cincel nun pequeno outeiro con execlente panorámica sobre a Chan de Castiñeiras, deslindou no pasado as parroquias de San Martiño de Vilaboa e de Santa Cristina de Cobres.
Por outra banda, en Chan de Castiñeiras consérvanse os restos de antigas cortellas: pequenas cortes cos seus peches de pedra que tiñan a funcionalidade de acoller en séculos pasados o gando, principalmente cabras e ovellas. Nunha pequena elevación sobre o terreo consérvase o topónimo afín de Outeiro das Cortellas.
En Chan de Castiñeiras tamén se atopan gravados rupestres modernos realizados nas pedras ao longo do século pasado polo veciño marinense José Meijón.
A pouca distancia, no Río de Arcos, nun cruce de camiños dentro da conca alta do río de Campolongo, afluente do Río Maior cuxa desembocadura está na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Enseada de San Simón, existe unha pedra fincada que fai a función de soporte dunha fonte. Trátase, en realidade, do esteo dunha mámoa, motivo polo que está inventariado como achado solto de Chan de Castiñeiras, onde probablemente se atope a súa ubicación orixinal.
Entre o Monte das Barreiras, orónimo referente á existencia de barro ou arxila que era usado antigamente para a construción e a fabricación de fornos, e A Cavada Grande, agrónimo referente ao vello costume de cavar ou cachar o terreo, na aba sur do alto de Coto Redondo, esténdese unha densa comunidade -única no Morrazo- de carrasca ou urce vermella: mato duns dous metros de altura que pasa por ser un endemismo da metade occidental ibérica e noroeste africana, cuxa distribución morracense dase case exclusivamente nesta zona dentro da conca do rego de Campolongo.
Urce vermella (Erica australis)
Tamén é salientable a variada presenza doutras especies de matogueira (queirogas, carqueixas, toxos…) dentro do hábitat de interese comunitario da breixeira seca europea que acolle igualmente unha variada e interesante fauna vertebrada e invertebrada. Outros hábitats de interese comunitario existentes no lugar e por toda a contorna son as pendentes rochosas silíceas con vexetación casmofítica e os rochedos silíceos con vexetación pioneira.
Nesas zonas de monte baixo e sen arborado, o Monte das Barreiras, a uns 375 metros sobre o nivel do mar, posúe por outra banda unhas espectaculares panorámicas da conca do val do Río Maior e da enseada de San Simón, coa illa homónima no fondo da ría de Vigo. A nivel forestal sobresaen as plantacións forestais con especies frondosas autóctonas, en especial de carballos e castiñeiros, xunto coa presenza naturalizada da sobreira que, nesta zona preto do cercano núcleo rural do mesmo nome na lindeira parroquia de San Adrián de Cobres, ten tamén unha das máis importantes dentro da súa distribución a nivel morracense, asociado coa carballeira termófila e bioindicador da influencia climática mediterránea no sur e occidente de Galiza.
Panorámica da Ría de Vigo dende o Monte das Barreiras
A ribeira alta do rego do Portiño, tamén chamada a nivel zonal como río de Miñotos, afluente do Río Maior, posúe unha incipiente e excelente carballeira salvaxe dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Entre o seu sotobosque distínguese a presenza do sanguiño e da pereira brava, que dá nome a algúns fitónimos na contorna.
Mámoa de Chan da Armada (foto, Paulo Troitiño)
A Chan da Armada e Outeiro de Ombra, entre os 375 e os 425 metros de altitude sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias de San Tomé de Piñeiro (Marín) e de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), acollen unha importante área arqueolóxica coa presenza de sete mámoas -cinco de Outeiro de Ombra e dúas de Chan de Armada- adscritas ao Neolítico. Destaca a presenza dunha das mámoas da Chan da Armada -nun estado de conservación moi deficiente- pola estrutura do seu dolmen e pola especificidade de que os seus esteos e pedra cobertora son de xisto, cando polo xeral soen ser de granito. A utilización de xisto na contrución da mámoa está relacionado co predominio da rocha metamórfica na zona, dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. A zona próxima de Abadín sobresae tamén pola abundancia mineral de pedras de seixo, que mesmo dá nome ao lugar de Seixos de Abadín, dentro da microtoponimia a nivel local.
Na área da Chan da Armada tamén hai inventariados un xacemento e un achado solto adscritos ao Calcolítico, onde se atoparon cerámicas lisas e campaniformes cunha antigüidade duns 4.500 anos. Tamén se atoparon coitelos de silex, ao igual que nos enxovais funerarios dalgunhas das mámoas da contorna, polo que ao ser este material escaso ou praticamente inexistente no Morrazo, denota que xa desde tempos remotos existía un certo comercio das comunidades humanas locais co exterior.
As mámoas de Chan de Castiñeiras, xunto coas de Chan de Armada e Outeiro de Ombra, forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo que, complementándose coas de Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña, suman 20 mámoas e un percorrido de 7,7 quilómetros. Proxectouse por iniciativa institucional a mediados da década pasada con fondos europeos a través da Fundación Comarcal do Morrazo, coa participación das comunidades de montes de San Xián de Marín, San Tomé de Piñeiro, San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, San Adrián de Cobres, Meira e Domaio; os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña; e as Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura da Xunta de Galiza, mais non chegou a rematarse. Lamentablemente, dese proxecto de posta en valor só queda a plantación forestal de frondosas como adecuación ambiental na súa contorna e algunas intervencións puntuais e por separado nos xacementos, a cargo das comunidades de montes propietarias.
Panorámica da Ría de Pontevedra dende a Barreira do Redondo
Na Barreira do Redondo, situada na metade da ladeira norte do alto de Coto Redondo a uns 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre plantación mixta de especies forestais, destaca a presenza arbustiva do érbedo entre a matogueira. Neste punto admíranse unhas extraordinarias panorámicas dos Montes do Morrazo, coa Serra Domego e o alto de Coto do Home, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo, Os Pedrouzos, Monte Penizas, Monte da Cova e Sobareiro, o val do rego Neibó-Loira, e a ría de Pontevedra co Salnés e as Illas Ons ao fondo.
As principais afeccións nas últimas décadas á contorna dos montes e mámoas do Morrazo, pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e das antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, foron as cortas abusivas, a intensificación dos monocultivos forestais e a eucaliptización, a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a instalación de granxas de visóns e o abandono e degradación do patrimonio natural, forestal, cultural e arqueolóxico.
De cara ao futuro, as principais ameazas son a Área de Desenvolvemento Eólica que proxecta varias ubicacións alternativas de aeroxeradores polos cumes dos altos da Graña, Castiñeiras e Coto Redondo, máis a proximidade do parque eólico de Pedras Negras pola Serra Domego, xunto cod proxecto de investigación mineira denominada Miñán, non só para a extracción de granito ornamental senón tamén o de exploración para enerxía xeotérmica a nome de Caldelas.
En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, co nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese -segundo as antigas normas subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra- os espazos naturais dos Montes do Morrazo que, xunto co de Coto Redondo, acollían a totalidade da contorna destes montes e mámoas do Morrazo, máis o do Carballal de Coiro e outros ampliables, por considerarse uns espazos naturais de alta importancia ambiental como corredor ecolóxico.
Por outra banda, a solicitude dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) dirixida á Xunta de Galiza por parte do Concello de Marín co apoio das comunidades de montes de San Tomé de Piñeiro e de San Xián para o territorio marinense en torno ao parque forestal da lagoa de Castiñeiras, ademais de non corresponder cun verdadeiro espazo natural, queda escaso; para iso tería que acoller a parte correspondente ao concello de Vilaboa a través das comunidades de montes de San Martiño e de Santa Cristina de Cobres.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo é partidaria de que o ENIL fose moito máis amplo abranguendo os concellos de Marín, Vilaboa, Moaña e Pontevedra: así, enlazaría cun corredor ambiental e cultural formado polo Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños entre os montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián a través da área patrimonial rupestre da Carrasca e Champás con Chan de Castiñeiras; e a través da Ruta das Mámoas do Morrazo coas áreas circundantes de As Cavadas, A Graña, Os Pedrouzos, Outeiro dos Asubións, Monte das Barreiras, Chan da Lagoa, Pedras Negras, Corno Pineda, Coto do Home, Faro de Domaio, Monte e Chan de Gagán e Monte Formigoso; para conectar finalmente a través das ribeiras altas coas concas naturais dos regos Cubela, Louriñas, Lameira, Loira, Trasmil, Río Maior, Miñouva, da Freixa, Barranco do Faro e da Fraga.
Mosaicos gráficos de Paulo Troitiño
[Texto de Cándido Martínez, da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo]
Flores do ‘balcón da ría’ para Xan Montenegro no seu 10º cabodano
Parece mentira que pasaran dez anos dende aquel día no que unha voz triste me anunciaba, dende o outro lado do teléfono, o pasamento de Xan Montenegro. Mais non morre quen, dende o primeiro día da súa ausencia, segue moi presente entre familiares, amizades e veciñanza que recoñecemos nel o exemplo do compromiso coa terra, coa cultura e cuns principios marcados pola xustiza e pola honestidade. Non puidemos aprender del nin afondar na súa peculiar personalidade todo o que nos tivera gustado a causa da súa prematura marcha, pero a semente que deixou en forma de loita, perseverancia e firmeza callou o suficiente como para ofrecerlle, unha década despois, o froito do traballo que fixemos na súa memoria, defendendo o seu ‘balcón da ría’: o Pornedo luce florido grazas a que o cemento, o asfalto e o formigón foron derrotados. Seguimos combatendo ilegalidades cometidas por parte de quen ten a responsabilidade de xestionar o monte veciñal con criterios alleos aos seus intereses, mais contamos co impulso de Xan para turrar con folgos por mil primaveras máis para o Pornedo.
Como cada ano, tamén nestes tempos de pandemia e máscaras, houbo flores, música, versos e cereixas para celebrar e agradecer o seu legado, ao carón do monumento co seu icónico chapeu e cos letreiros que, simbolicamente, seguen reivindicando un compromiso incumprido: que a estrada de San Xulián leve o nome de Xan Montenegro. Só a falta da ‘avoa’ Lucinda, que xa campa canda o seu fillo, ensombreceu este día griseiro. Ambos deixaron un ronsel de sabedoría que, abofé, nos seguirán inspirando para construírmos un monte, unha parroquia, unha vila e un mundo mellor.
Un ano máis, na memoria de Xan Montenegro e, en diante, tamén de Lucinda Villanueva
Comentarios recentes